O Consello de Campus aborda a reactivación dos traballos para a acreditación do Campus Crea
Por Oskar Viéitez
A "folla de ruta" dos traballos para que o Campus Crea sexa recoñecido como campus de especialización pola Xunta de Galicia foi unha das cuestións centrais da primeira reunión do Consello de Campus de Pontevedra neste 2023, que tivo lugar este xoves na Casa das Campás.
Ademais dos informes do reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, esta xuntanza puxo o foco na "aposta por reactivar os traballos do campus de especialización", que, como sinalou o reitor, pasan en primeiro termo por acometer unha actualización do plan estratéxico.
Reigosa informou nesta xuntanza do inicio dos traballos de actualización do plan estratéxico e de preparación da documentación necesaria para remitir a proposta ao Goberno galego e que esta sexa avaliada "por un comité externo de persoas de gran prestixio de fóra de Galicia".
Acadar esta acreditación para un proxecto de especialización que ten como eixos a arte, comunicación e a creatividade; a educación, a innovación social e a xestión pública; o deporte, saúde e benestar e o medio ambiente e natureza, sería "moi positiva" para o campus, subliñou Reigosa.
"En primeiro lugar, o proceso de acreditación, que creo que é un acerto da Xunta de Galicia, significa que cada un dos campus ten un selo especial", salientou o reitor.
Así mesmo, esta acreditación permitiría tamén que, "cando se amplíe o mapa de titulacións", os campus teñan prioridade á hora de incorporar aqueles novos estudos "que encaixen" cos seus proxectos de especialización.
Ademais, sinalou Reigosa, a obtención desta acreditación é tamén "un selo de calidade extremadamente positivo" e leva aparellada un financiamento engadido, "durante un período de tres ou catro anos", dirixido a "desenvolver accións que teñan que ver precisamente con esa especialidade". Trataríase nese senso, engadiu, duns fondos que contribuirán a "mellorar a nosa investigación, transferencia, divulgación e a propia docencia".
Relacionadas:
-
O reitor quere acadar unha "Universidade máis igualitaria, internacional e galega"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Cinco ideas de negocio do Campus Crea aspiran a converterse en proxectos empresariais
Por Redacción |
-
Xunta e Universidade comprométense a seguir fortalecendo o campus pontevedrés
Por Redacción |
-
A nova sede do Campus Crea en Benito Corbal inaugurarase "ben pronto"
Por Redacción |