Fochancas e cunetas con terra e pedras na PO-255 causan malestar en Ponte Caldelas contra a Xunta
Por Redacción
Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas, enviaba este venres a Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, dúas cartas reclamando a urxente intervención da administración autonómica na estrada PO-255, unha vía que une Forzáns co municipio da Lama.
Segundo relata o rexedor, a estrada atópase nun "pésimo estado de conservación e supón un constante perigo para os condutores que a diario utilizan a vía". Alerta do risco que se rexistra cando, en sentido contrario, circulan camións ou autobuses xa que a estrada autonómica presenta unha calzada reducida en determinados tramos e presenta numerosas curvas.
Na carta tamén se fai constar que este tramo presenta múltiples danos estruturais no pavimento, sucidade acumulada nas cunetas con pedras e terra que evitan a correcta circulación da auga provocando que en varios puntos as correntes de auga invadan a calzada.
Díaz lembra á Xunta que esta vía é a principal conexión entre Ponte Caldelas e os concellos da Lama e Fornelos de Montes polo que considera "imprescindible que a estrada cumpra cos criterios mínimos de seguridade para a condución".
"É lamentable que en en pleno século XXI teñamos que sufrir estradas terceiromundistas, cun elevado risco de accidente por falta de mantemento por parte da Xunta de Galicia", indica molesto o alcalde na misiva reclamando unha "actuación de urxencia" nas cunetas e unha tramitación áxil para mellorar de maneira integral a estrada aumentando a amplitude dos carrís e creando unha senda peonil para permitir a mobilidade dos viandantes.
Andrés Díaz advirte que, de non adoptarse medidas, "se temos que saír á rúa e manifestarnos como fixemos coa estrada de Laxoso, farémolo".
Relacionadas:
-
A última fase da mellora da PO-234, adxudicada por case 932.000 euros
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reclama unha actuación integral para a PO-255 en Forzáns
Por Redacción |
-
Xa se poden facer achegas aos proxectos de mellora de 37 paradas de autobús no Salnés
Por Redacción |
-
Os populares de Ponte Caldelas propoñen a transferencia a patrimonio municipal do vial interior de Forzáns
Por Redacción |
-
Finalizan as obras de asfaltado do vial Ponte Caldelas-A Fraga
Por Redacción |