A Diputación de Cádiz colle ideas da transformación urbana de Ponte Caldelas
Por Redacción
A transformación urbana de Ponte Caldelas, así como doutras localidades da provincia reformadas en base á filosofía Ágora da Deputación de Pontevedra, serviron de inspiración para a Deputación de Cádiz.
Unha comitiva gaditana visitaron actuacións de mellora urbana xa finalizadas en Ponte Caldelas, Gondomar, Tomiño e O Rosal para tomar ideas para futuras intervencións.
No caso de Ponte Caldelas os representantes de Cádiz puideron comprobar de primeira man as actuacións que permitiron mellorar a mobilidade peonil axuntando este aspecto coa creación de novas prazas de aparcamento.
As zonas inspeccionadas foron a Avenida de Galicia, a Estrada do Balneario interesándose polo proxecto de estacóín termal, e sobre todo fixáronse na Praza de España como exemplo de transformación dun espazo público.
Por motivos de axenda a expedición da Deputación de Cádiz non puido visitar finalmente o Concello de Poio, tal e como estaba previsto.
A comitiva estaba formada por vicepresidente segundo e deputado da área de Transición Ecolóxica da Diputación de Cádiz, Francisco Javier Vidal, xunto á directora da área, María Teresa Fernández, e un responsable técnico, así como por varios directivos da Deputación de Pontevedra. Todos eles foron recibidos en Ponte Caldelas polo alcalde da localidade, Andrés Díaz.