Dous semáforos regularán o tráfico no treito en obras do futuro bulevar de Portonovo
Por Redacción
O tráfico no tramo das obras do futuro bulevar de Portonovo regularase finalmente por semáforos para evitar o desvío pola Avenida Rafael Picó, a Rúa Espiñeiro e a Travesía Areal. Unha opción, esta última, que se aplicará se fora necesaria durante o transcurso das obras.
O alcalde, Telmo Martín, visitou este luns os traballos acompañado da concelleira de Planificación Territorial, María Deza, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro.
Neste encontro coa empresa, co obxectivo de xerar as menores molestias posibles a veciños e titulares de negocios, acordouse a regulación de tráfico con semáforo no carril central único que quedará habilitado a partir do mércores. Os peóns seguirán contando cun paso seguro pola zona de obras. Durante a noite e as fins de semana, apartaranse os valos, para que o vial recupere o dobre sentido do tráfico.
A adxudicataria iniciou este luns o groso da primeira fase dos traballos que comprende máis do 50% da actuación e que vai desde a rotonda do entroque con Rafael Picó ata o cruzamento con Travesía Areal.
O cronograma dos traballos marca xuño como o final desta primeira fase da obra que se volverá a retomar tras o verán para non afectar á actividade turística e comercial.
A actuación supoñerá unha profunda mellora do corazón comercial de Portonovo. Centrarase nun tramo de 810 metros e o obxectivo é conseguir que nesta vía gañen protagonismo as persoas fronte aos vehículos.
O deseño proxectado tamén inclúe a renovación dos servizos coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública. A obra conta cun orzamento total de 2,3 millóns de euros.
Relacionadas:
-
As obras do boulevard de Portonovo estarán finalizadas antes de Semana Santa
Por Redacción |
-
Paralizada, co 60% executado, a obra do bulevar de Portonovo para non interferir coa tempada turística
Por Redacción |
-
A obra do bulevar de Portonovo paralizarase desde o 30 de xuño ata o 3 de setembro
Por Redacción |
-
Beirarrúas e o lastro do pavimento, próximos pasos na creación do bulevar de Portonovo
Por Redacción |
-
Reactívanse as obras do boulevard de Portonovo coa intención de finalizar en xuño
Por Redacción |
-
Test para o tráfico rodado na PO-308 en Portonovo cunha nova rotonda e tres illotes temporais
Por Redacción |