Pontevedra é a provincia galega con maior cobertura de internet grazas ao Plan de banda larga da Xunta
Por Redacción
O Plan de Banda Larga da Xunta posibilitou que Pontevedra se convertese na provincia galega con maior cobertura de internet, xa que o 98,3% dos seus habitantes teñen acceso a Internet de banda larga cando en 2010 esa porcentaxe era do 78,3%.
Dos 206.000 habitantes da provincia que non podían acceder á este servizo más de 192.000 xa poden dispoñer do servizo. Na actualidade, todos os concellos da provincia superan o 90% de cobertura poboacional, mentres que antes do Plan só un municipio acadaba esta porcentaxe de cobertura.
Todos os concellos da provincia superan o 90% de cobertura, antes do Plan só un concello alcanzaba esa porcentaxe
Na provincia de Pontevedra hai 6.619 núcleos de poboación, dos que xa se cubriron, grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta, máis de 6.498 (un 98,2%).
De xeito progresivo o plan desenvólvese nos núcleos da comunidade galega sen cobertura, nos que cuestións como a dispersión poboacional ou a orografía dificultan os despregamentos. De aí que nalgúns concellos haxa zonas nas que xa se completaron as actuacións e noutras nas que se completarán durante 2014.
O plan está a impulsar o despregamento de redes fixas e sen fíos en toda Galicia e conta cun programa de axudas para a conexión vía satélite para aquelas zonas nas que non é posible facilitar o acceso a internet con outra tecnoloxía. Estas medidas están destinadas á dotar de cobertura a todos os galegos. Pero, ademais, ten outro obxectivo que é impulsar a implantación na comunidade de redes de Nova Xeración (NGAs) con 100 Mbps de velocidade.
Preto de 200 familias e pemes da provincia solicitaron as axudas da Xunta para contratar Internet vía satélite nas zonas con máis dificultades de cobertura
Conexión vía satélite para as zonas máis illadas da comunidade
Para as zonas máis illadas da comunidade, nas que non é posible o acceso a internet mediante outra tecnoloxía o plan conta cun programa de axudas para a conexión vía satélite ata o 2014. Nas dúas primeiras convocatorias celebradas en 2012 e 2013 se beneficiaron preto de 200 familias e pemes da provincia de Pontevedra.
Aos solicitantes sufráganselles os gastos de instalación e o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír o sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes é gratuíto para os beneficiarios.
Redes de 100 Mbps
Ademais de dotar de acceso a internet a todos os galegos, outro dos obxectivos do Plan é impulsar a implantación de redes NGAs, que permiten velocidades de máis de 100Mbps. Na provincia de Pontevedra máis de 426.000 persoas da provincia xa teñen acceso a estas redes.
Máis de 426.000 pontevedreses teñen acceso á redes de nova xeración con velocidades de ata 100 Mbps
Cómpre destacar que Galicia é das primeiras comunidades da Unión Europea en incentivar a extensión deste tipo de redes. O Plan permitiu que sexan xa máis de 1,1 millón os galegos que teñen acceso a estas redes máis punteiras.
Centros con 100 megas
A mellora da conectividade é un dos elementos chave no proceso de modernización dos servizos públicos. Na provincia de Pontevedra dispoñen de acceso a esta tecnoloxía as sedes dos partidos xudiciais de A Estrada (en dous edificios), Lalín, Redondela, Ponteareas, O Porriño, Cangas,Vilagarcía de Arousa, Marín, Cambados, Vigo e Pontevedra.
E no ámbito educativo son 56 os colexios e institutos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dotados con estas redes ultrarrápidas.
A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada. Deste xeito tanto os alumnos como os empregados dos xulgados poden ter un acceso máis efectivo á Rede.
Punto de partida e orzamento
Tras un exhaustivo estudio sobre a cobertura de banda larga na comunidade, a Xunta detecta que en 2010 só o 71% da poboación tiña cobertura de internet e que a banda larga non chegaba a todos centros de servizos públicos nin a todos os polígonos industriais. Para reverter esta situación promoveuse o Plan de Banda Larga, con seis actuacións, todas en marcha hoxe, e que conta cunha dotación pública-privada de máis de 232 millóns de euros.
Para consultar os avances do plan, cidadáns e empresas teñen a súa disposición a aplicación rede, na que poden coñecer os avances no seu núcleo de poboación e tamén se poden informar na oficina de banda larga oficina.bandalarga@xunta.es ou no teléfono 981 95 78 68.