Detidos catro cambadeses entre os oito integrantes dunha rede de distribución de drogas
Por Redacción
A Garda Civil detivo oito integrantes dunha rede de distribución de drogas en toda Galicia na denominada 'Operación Salamina'.
Catro dos detidos son veciños de Cambados, constatando os investigadores que un deles, F.F.B. era o líder da organización e outro, M.S.J., o encargado de realizar o transporte das substancias estupefacientes.
A operación, dirixida polo Xulgado de Intrucción Número Tres do Porriño e coordinada pola Fiscalía Antidroga de Pontevedra, iniciouse a principios de ano pola Policía Xudicial da Garda Civil en Cambados e Salceda de Caselas.
Durante o operativo as forzas de seguridade incautaron diversas cantidades de cocaína, haxix, marihuana e substancias para o corte da droga por un valor estimado de 52.000 euros, ademais de cinco básculas de precisión, unha máquina de envasar ao baleiro, 35 teléfonos móbiles, catro vehículos de alta gama, 5.000 euros en metálico e ordenadores, entre outros utensilios.
Os outros dous detidos de Cambados son J.C.B.P. e N.C.P., ademais un veciño de Bueu, J.R.O., e tres de Salceda de Caselas.
Todos eles foron postos a disposición xudicial, decretando o xuíz o ingreso en prisión de tres dos membros da organización. Os demais quedaron en liberdade con cargos.
A Garda Civil informa que a operación continúa aberta, polo que non se descartan máis detencións.