Patrimonio autoriza o Concello de Cotobade a restauración dos cruceiros de Santa María de Sacos
Por Redacción
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, informa que despois de obter o permiso da Xefatura Territorial de Patrimonio, procedeuse á licitación mediante concurso aberto, para a restauración dos dous cruceiros de Santa María de Sacos que foran afectados pola acción vandálica no ano 2012.
O alcalde asumira a petición dos veciños de poder reservar unha partida nos orzamentos municipais para poder acometer o arranxo e a recuperación destas dúas pezas do patrimonio da parroquia, cunha inversión de 8.622 euros.
O procedemento aberto permitirá obter varias ofertas de competencia entre sí, para dar oportunidade a todas as empresas que o estimen conveniente ofertar unha boa proposta.
Os cruceiros están depositados na Casa do Pobo de Sacos e as empresas que queiran visitar o depósito de ditos elementos terán que dirixirse ao Concello para comprobar o estado os elementos afectados dos cruceiros.