Sancionáronte por atrasos nas devolucións da Biblioteca? Troca a 'multa' doando alimentos
Por Redacción
Cada usuario que devolve fóra de prazo un libro que tomou prestado na Biblioteca Pública de Pontevedra ten que facer fronte a unha sanción regulamentaria. Pero este Nadal os seus responsables propoñen unha solución alternativa. Cambiar a multa administrativa por produtos de primeira necesidade, alimentos non perecedoiros que irán destinados ao Banco de Alimentos de Pontevedra.
ÿ o obxectivo que nace a campaña Libros solidarios: Libros x alimentos, que se desenvolverá na biblioteca pontevedresa entre este mércores 18 de decembro e o próximo venres 10 de xaneiro. "Quitámosche as penas, e ti quítasllelas a outros" reza o lema da campaña, na que tamén poden participar todos os usuarios, foran sancionados ou non.
Por iso, desde a biblioteca invitan a todos os lectores que devolven en prazo os materiais da biblioteca a sumarse a esta iniciativa, entregando tamén produtos de primeira necesidade xunto aos libros, DVD ou CD que levaron das súas instalacións nos últimos días.
A ONG Banco de Alimentos da provincia de Pontevedra recollerá periodicamente os alimentos para a súa distribución entre os sectores de poboación máis afectados.
Con esta iniciativa a Biblioteca Pública de Pontevedra, ao igual que outras moitas bibliotecas que apoiaron a iniciativa da Biblioteca Rexional de Murcia, pretende facer unha chamada á solidariedade dos seus usuarios.
RECOLLIDA DE LIBROS INFANTÍS
O mesmo día que comeza esta iniciativa, o mércores 18, iniciarase tamén Libros Solidarios - Libros por sorrisos, unha campaña solidaria de recollida de libros para conseguir o sorriso dun neno. As persoas que desexen participar poden depositar os seus libros de lectura, para nenos de 0 a 14 anos, novos ou de segunda man en perfecto estado na sala infantil da biblioteca.
Todos os libros doados serán entregados a Cáritas Interparroquial, a entidade social responsable en facerllos chegar aos nenos que máis o necesitan.