Rebentan o escaparate dun comercio nun novo acto vandálico na rúa Serra
Por Alejandro Espiño
Un novo acto vandálico volveu a sobresaltar a veciños e comerciantes da rúa Serra, excedendo o limiar da súa paciencia. O escaparate de Mafer Cociña, na esquina coa praza Valentín García Escudero, apareceu esnaquizado esta mañá.
"Non sabemos absolutamente nada do que pasou", asegura o seu responsable, Manuel Fernández, en declaracións a PontevedraViva. Foron os donos do restaurante de en fronte os que lle avisaron de que o seu escaparate estaba estalado.
O cristal apareceu roto e descoñécese con que o rebentaron. "Non levaron nada", sostén o seu dono, que se inclina porque fora un máis dos episodios vandálicos que, desde hai algún tempo, padecen case todas as fins de semana.
Os últimos casos, unha botella rebentada contra o cartel doutro dos establecementos comerciais da rúa ou os continuos ataques que sufriu a decoración do Nadal da praza de abastos, que mesmo tivo que ser retirada de maneira parcial.
Aínda que a Policía xa acudiu ao comercio para buscar pegadas ou indicios que permitan identificar os responsables da desfeita en Mafer Cociña, Manuel sabe que non será fácil porque, aparentemente, non hai testemuñas nin cámaras de seguridade que certifiquen o ocorrido.
Un feito como este, que trastorna a actividade un día calquera, é aínda peor en pleno nadal e, neste caso, no día de Noiteboa "porque non atopo un cristaleiro que me veña a repoñer o cristal así que teño que quedar no comercio", explica o seu propietario.
Veciños e comerciantes xa se están organizando para pedir ao Concello que se reforce a seguridade na zona e haxa unha maior presenza policial, polo menos durante as fins de semana, nos que o vandalismo e as pelexas parecen converterse en tónica habitual.
Relacionadas:
-
Buscan aos autores dos roubos e danos na iluminación do Nadal en Samieira
Por Redacción |
-
Novo ataque á burbulla decorativa de Nadal situada diante do Mercado de Abastos
Por Redacción |
-
O vándalo da decoración de Nadal do mercado, captado polas cámaras de vixilancia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada