A Illa de Arousa, bendecida pola sorte da lotaría de Nadal: cinco premios en dous anos
Por Alejandro Espiño
Poucas localidades poden presumir da sorte que, ano tras ano, parece instalarse entre o apenas cinco mil habitantes da Illa de Arousa.
"A racha que estamos a ter é unha pasada", asegura o responsable da administración de loterías número 1 do municipio, Manuel Núñez, que repartiu cinco premios nos dous últimos sorteos do Nadal, tres deles este xoves.
Dous quintos premios, o 88509 e o 87092, foron os primeiros que levaron a alegría ata este despacho de loterías "e cando aínda o estabamos celebrando chegou o terceiro", explica o administrador, o cuarto premio que recaeu no número 25296.
Son tres premios no mesmo sorteo "coa dificultade que iso implica", destaca Manuel, para a administración dun concello pequeno como o seu, polo que asegura estar "encantados da vida e súper felices", aínda que un pouco "abrumados" pola repercusión.
Son, en todo caso, décimos soltos destes tres números "pero levas alegría igual", aínda que non fose a choiva de millóns, case 17, que repartiu en 2021 a través da lotería que venderon os estudantes do instituto da Illa de Arousa.
A este loteiro gustaríalle que algún dos números premiados fora "supervendido", como o 91.179 do pasado ano que repartiu diñeiro entre case todos os veciños da illa, "pero non foi así e polo menos son premios que lle tocan a alguén".
Polo momento ninguén apareceu polo seu despacho de loterías para celebrar o premio con el, pero asegura que "non me sorprende" porque ao ser premios únicos "a xente non se anima tanto a vir", a diferenza de cando hai moitos afortunados, "que teñen ganas de festa".
Espera, iso si, que aínda que moitos turistas pasasen pola Illa de Arousa este ano e as vendas aumentasen tras os dous premios do ano anterior, os posuidores dos décimos premiados sexan do municipio "porque que quede en casa sempre alegra máis".
"Cando lle dás tanto diñeiro á túa xente a alegría é diferente", subliña Manuel Núñez, que celebra contribuír a que os seus veciños puidesen "arranxar cousas" ou, en definitiva, facer a súa vida un pouco máis fácil porque "é moi bonito poder axudarlles".
Relacionadas:
-
Un acertante da Bonoloto gaña case 344.000 euros en Marín
Por Redacción |
-
Os paneis solares reduciron nun 70% o consumo enerxético do Auditorio e do Concello da Illa de Arousa
Por Redacción |
-
Tres millóns en Bueu para o número 25296, un cuarto premio que deixa tamén un belisco na Illa de Arousa
Por Alejandro Espiño |
-
Outro quinto premio, o 87092, tamén se reparte na Illa de Arousa
Por Alejandro Espiño |
-
A Lotaría de Nadal deixa un quinto premio na Illa de Arousa, un décimo do número 88509
Por Redacción |