A Xunta convoca os afectados polas obras da PO-234 entre Laxoso e Portasouto
Por Redacción
A Xunta publicou este xoves no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a convocatoria, para xaneiro e marzo, dos actos expropiatorios para executar as obras de acondicionamento da estrada autonómica PO-234 entre Laxoso e o cruce de Portasouto, no concello de Ponte Caldelas.
Esta nova intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que suporá un investimento de máis de 1 millón de euros, completará as actuacións de mellora da PO-234 entre Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, incluíndo as obras a mellora puntual do trazado, a ampliación da calzada e a mellora das interseccións das vías públicas coa estrada autonómica.
Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar os días 25 e 26 de xaneiro de 2023, entre as 09:00 e as 13:45 horas, no salón de plenos do Concello de Ponte Caldelas. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo no mesmo lugar e idéntico horario os días 28 e 29 de marzo de 2023.
A intervención proxectada polo departamento de Infraestruturas da Xunta céntrase no tramo de preto de 1,6 km da PO-234, e conta cun prazo de execución de oito meses.
Máis en detalle, as actuacións comezarán polos traballos de mellora puntual do trazado e a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho, acadándose 2 carrís de 3 metros e 2 beiravías de 0,50 metros, co obxecto de mellorar a seguridade viaria. Tamén se intervirá nas interseccións e executaranse cunetas de seguridade e melloras da drenaxe transversal e lonxitudinal da vía. Ademais reporase a sinalización horizontal e vertical e as barreiras de seguridade flexibles.
Con esta actuación a Xunta completará o acondicionamento desta estrada autonómica que conecta os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, no municipio de Cerdedo-Cotobade, cuxas dúas primeiras fases foron xa executadas e supuxeron un investimento autonómico de preto de 1,25 millóns de euros.
A execución da mellora desta vía dividiuse en tres fases. Xa está a disposición dos veciños o tramo mellorado entre o cruce do Portasouto e Aguasantas e tamén está acondicionado o treito entre Ponte Caldelas e Laxoso.
Relacionadas:
-
A Xunta saca a licitación as obras que completan a mellora da PO-234 entre Laxoso e o cruce de Portasouto
Por Redacción |
-
As obras da PO-235 sairán a licitación a próxima semana e terán un orzamento de máis de 1 millón de euros
Por Redacción |
-
Os atrasos na ampliación da PO-234 débense á tramitación das expropiacións, segundo a Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Paso adiante nos trámites para mellorar a estrada PO-234 entre Laxoso e o cruce de Portasouto
Por Redacción |
-
Veciños de Laxoso reciben explicacións da Xunta sobre as obras de mellora da PO-234
Por Redacción |
-
Xa se poden presentar alegacións á mellora da estrada PO-234 entre Laxoso e o cruce de Portasouto
Por Redacción |