Alertan da presenza en Pontevedra de grupos de estafadores que piden donativos para asociacións ficticias
Por Redacción
A Policía Nacional alerta aos pontevedreses da "frecuente presenza" na capital de grupos de mozos, normalmente mulleres que actúan de dúas en dúas e se dedican a solicitar donativos destinados a supostas asociacións de todo tipo, dende atención a persoas con discapacidade a nenos pobres, xordomudos ou animais abandonados, todas ficticias.
A Comisaría Provincial advirte os cidadáns que se trata dunha estafa levada a cabo por estas persoas. O método que utilizan é abordar a xente na rúa cunha especie de portafolios no que se achegan varios folios con dous selos na parte superior, un deles, concretamente, o da esquerda mostra unha especie de escudo que aparece borroso e sen ningunha característica visible.
O anagrama da parte superior dereita é algún logotipo borroso co nome e a finalidade da suposta fundación e, tras mostralo, solicitan donativos. Ademais, na maioría dos casos, mentres un deles entretén a posible vítima o outro intenta subtraerlle a carteira ou as xoias que porten nese momento.
Esta advertencia a lanza a Policía Nacional coincidindo coa activación en Pontevedra, como cada ano nestas datas, o dispositivo especial 'Comercio Seguro' para garantir a seguridade cidadá durante o Nadal.
O obxectivo deste operativo é previr e evitar a comisión de furtos, enganos, estafas, roubos e outros delitos que adoitan producirse ante as grandes aglomeracións en zonas comerciais e de ocio. O despregamento especial reforzará a presenza de efectivos en radiopatrullas, entre outras unidades de Seguridade Cidadá e Policía Xudicial. Un incremento de axentes que repercutirá, tanto obxectiva coma subxectivamente, na seguridade cidadá.
A fase operativa deste dispositivo especial activouse en toda España esta semana e estará vixente ata o 8 de xaneiro, principalmente nas grandes cidades e nas vías de maior actividade comercial, mercados tradicionais, e zonas de ocio e diversión. Un despregamento no que tamén están involucradas as Policías Locais e Autonómicas, para poder desenvolver respostas aínda máis áxiles e eficaces na liña de sumar forzas en beneficio da seguridade de todos.
A campaña refórzase con consellos aos cidadáns para evitar ser vítimas de delitos. Un dos principais é manter os nenos sempre vixiados para evitar que desaparezan. Ademais, recomendan extremar as precaucións para evitar ser vítimas de carteiristas estafadores, ladróns ao descoido e outros delincuentes, en especial, durante as aglomeracións.
FURTOS DE ROUPA E COMIDA
No marco deste dispositivo, a Policía Nacional identificou o sábado 14 a dúas mozas naturais de Marrocos, unha delas menor de idade, como presuntas autoras dunha falta de furto por levarse varias pezas de roupa dun comercio da rúa Benito Corbal.
Ademais, o 12 de decembro identificaran tres veciñas de Carballo (A Coruña), como presuntas autoras dunha falta de furto por levarse comida valorada en 116,80 euros dun supermercado da avenida de Vigo. Os axentes localizáronlle no coche varias bolsas de lixo cheas de produtos de alimentación.