Pontevedra esixe solucións urxentes ante unha sanidade pública "afogada e desmantelada"
Por Alejandro Espiño
Una nena de 12 anos "peregrinando" de PAC en PAC para conseguir médico e que acaba sendo atendida na sanidade privada. Un home de 48 anos que, tras días con febre moi alta e sen conseguir ser visto por un facultativo, ingresa nun hospital e falece pouco despois.
Son dous dos casos que a edil do BNG, Carme da Silva, citou para denunciar que a situación "crítica" na que se atopa a atención sanitaria en Pontevedra "pon en risco a saúde dos cidadáns" e impide que o persoal traballe "en condicións axeitadas".
A "realidade" da sanidade pública en Pontevedra, asegurou Da Silva, son PAC "sen médicos", una Atención Primaria "desmantelada", persoal en condicións precarias, citas médicas que se eternizan, derivacións á privada e urxencias hospitalarias "colapsadas".
"Afogar a Atención Primaria pon en risco a saúde e a vida das persoas e iso é o que lle debería preocupar a quen a está a desmantelar", afirmou a concelleira do BNG, que o caos nas urxencias "deriva directamente de aí" e é consecuencia da política sanitaria da Xunta.
Desde o PSdeG-PSOE, Tino Fernández subliñou que a sanidade pública "é unha xoia que temos que coidar e mellorar" porque, en caso contrario, "despois non vale de nada botarse as mans á cabeza". Por iso é polo que insista en que "hai que defendela sempre".
A este respecto, Fernández lamentou que, tras os aplausos ao persoal sanitario durante a pandemia, a Xunta demostre que "todo era pantalla" e que non teñan "reparos" en proseguir co seu proceso de desmantelamento da sanidade pública.
A pesar das críticas á xestión sanitaria da Xunta de Galicia, o Partido Popular votou a favor da moción presentada por nacionalistas e socialistas, permitindo que se aprobara por unanimidade da corporación, porque, segundo Rafa Domínguez, "defenderemos y trabajaremos donde se necesite por la sanidad pública".
Domínguez recoñeceu que os profesionais sanitarios "no trabajan en condiciones óptimas", o que lles leva a realizar un sobresforzo e a sufrir unha tensión "absolutamente insoportable", especialmente polo "importante déficit" que atravesa Atención Primaria.
"Desde el PP somos perfectamente conscientes de las limitaciones de la sanidad pública", sostivo o líder popular, que defendeu que desde o goberno galego "están trabajando para resolverlo", coa falta de médicos como principal cabalo de batalla.
Iso si, o portavoz do PP afeou a "vergonzante" utilización política que fai o BNG sobre os problemas da sanidade porque "el uso de la exageración y de la hipérbole no ayuda ni beneficia a nadie, sobre todo a los médicos y a todo el personal sanitario".
Relacionadas:
-
Montecelo, colapsado por falta de médicos nos PAC, pide compresión aos pacientes: "a demora non é arbitraria"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Lores, sobre a situación sanitaria en Pontevedra: "Cada día é igual ou peor que o anterior"
Por Alejandro Espiño |
-
O colapso de Urxencias de Montecelo obriga a derivar pacientes ao Salnés e a QuirónSalud
Por Manu Otero |