Ábrese o prazo para solicitar cinco locais no Centro de Iniciativas Empresariais de Santa Clara
Por Redacción
Os emprendedores pontevedreses dispoñen de 15 días para presentar as súas solicitudes para entrar no Centro de Iniciativas Empresariais que está a piques de abrir nas instalacións da rúa de Santa Clara, número 4. Carlota Román recordou que a creación deste viveiro de empresas era unha promesa electoral dos socialistas pontevedreses para "dar apoyo, asesoramiento técnico y espacio de trabajo" aos que aposten por iniciar o seu negocio.
A concelleira de Promoción Económica considera que trátase dunha ferramenta moi interesante que deben aproveitar as novas empresas da cidade, pois ademais dun local, os emprendedores terán a súa disposición servizos de asesoramento e espazos comúns que lles permitirán incrementar as posibilidades de éxito do negocio. Este viveiro consta dunha sala de xuntas e seis módulos para os despachos dos emprendedores.
A situación económica actual, recalcou a edil socialista, aconsella apostar forte por este viveiro, o terceiro da cidade xunto aos da Cámara de Comercio e o que acaba de estrear a Asociación de Jóvenes Empresarios.
As bases da convocatoria están dispoñibles xa no Boletín Oficial da Provincia. Os despachos adxudicaranse por un período de seis meses prorrogables ata un máximo de 18. No seu reparto primarase aos solicitantes que aposten por un carácter innovador e polas novas tecnoloxías, aos que oferten a creación dun maior número de postos de traballo, que non tiveran un traballo anterior ou que sexan maiores de 50 anos.
En todo caso para próximas convocatorias, Carlota Román avanzou que buscaranse fórmulas para axilizar e flexibilizar o acceso a estes locais de Santa Clara.