Cerdedo pola Sanidade Pública presenta a súa recentemente constituída plataforma
Por Redacción
O Centro Cultural de Cerdedo foi escenario este venres da presentación ante a cidadanía da recentemente constituída Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública.
O colectivo en defensa da atención sanitaria dá un paso adiante con esta formalidade para seguir reivindicando unha atención sanitaria digna en Cerdedo e no municipio.
Algunhas das súas principais demandas son as de poder contar con atención médica diaria no centro de saúde de maneira presencial, así como contar co servizo de pediatría.
Ademais da presentación da plataforma, o acto contou cunha charla informativa sobre a situación actual da sanidade pública a cargo de Manuel Martín, representante de SOS Sanidade Pública.
Cabe lembrar que nos últimos meses o colectivo Cerdedo pola Sanidade Pública xa participou en diversos actos de protesta como foron por exemplo as concentracións do pasado 30 de novembro convocadas por SOS Sanidade Pública en defensa da atención primaria. Tamén se presentaron escritos de queixa ante o Servizo Galego de Saúde.