O Concello, disposto a regular o "caos" do mercadiño de antigüidades da Verdura
Por Alejandro Espiño
O mercadiño de antigüidades que tradicionalmente se celebra todos os domingos na Praza da Verdura é un "punto de atracción" que necesita ser regulado. Díxoo este luns a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, á vista dos incidentes que se producen entre os vendedores. "Actualmente es un caos", sinalou a edil socialista, que aposta por aprobar unha normativa que regule a súa actividade.
Carlota Román afirmou que a idea inicial deste mercadiño de antigüidades "funcionaba muy ben", pero na actualidade desvirtuouse. "Hay gente tan necesitada que se pone a vender lo que sea", explicou. Por iso é polo que non sexa estraño ver nos seus postos produtos de segunda man ou vendedores que ofertan roupa, electrodomésticos ou teléfonos móbiles. Ata se sospeita que algúns dos artigos poidan ser roubados.
A necesidade desta regulación fíxose patente este domingo, ao rexistrarse un novo incidente entre vendedores que se enfrontaron polo espazo a ocupar. Unha das persoas que desde hai tempo participa neste mercadiño atopouse con que outro vendedor recentemente chegado instalara o seu posto no sitio que ocupa tradicionalmente. Entre ambos se produciu unha disputa, con empurróns e forcexos, ata que chegou a Policía Local.
Aínda que destacou que o sucedido é un "hecho puntual", a concelleira de Promoción Económica adiantou que se poñerá "manos a la obra" para coordinarse coa responsable de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, para avanzar na regulación deste mercadiño. Trátase dunha actividade autorizada como "ocupación de vía pública" e non como mercadiño ambulante, por iso é polo que sexa necesaria a interlocución entre ambas concellarías.
Non quixo detallar os seus plans, pero Román desvelou que xa encargou un plan para regular este mercadiño, como así o reclaman os propios vendedores. Avanzou que entre as medidas que se propoñerán estaría a regulación dos postos, pagando mesmo unha pequena taxa pola participación no mercadiño, ou a certificación de que os produtos que se venden son antigüidades, para non desvirtuar o espírito co que naceu esta actividade.
Trataríase, sinalou a concelleira socialista de estudar fórmulas para potenciar o mercadiño como dinamizador do centro histórico "porque es una actividad que tiene un desarrollo turístico importante". En todo caso pasaría por un maior control por parte da Policía Local, porque Carlota Román recoñeceu que "no tengo personal los domingos para poder vigilar este mercadillo".
Relacionadas:
-
Un policía local denuncia un hostaleiro por botar uns vendedores do rastro da Verdura e montar a súa terraza
Por Anxo Lourido |
-
O Concello regulará o mercado de antigüidades e propón o seu traslado da Verdura a Mugartegui
Por Oskar Viéitez |
-
Os comerciantes e veciños da Praza da Verdura demandan a regulación do mercado de antigüidades dominical
Por Redacción |