A Deputación reivindica o papel das mulleres no sector primario coa campaña "Elas son a forza do Nadal"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres a IV edición da campaña "Elas son a forza do Nadal", coa que visibilizar o papel das mulleres no sector primario e potenciar o produto de proximidade na provincia.
Carmela Silva insistiu en que as mulleres son "imprescindibles" tamén neste sector, asegurando que "o rural non terá futuro se as mulleres non seguen apostando por vivir nel". Tamén se referiu á "calidade e sustentabilidade" dos produtos de proximidade.
A campaña lánzase estes días nos que miles de familias acoden aos mercados para encher as despensas para as inminentes festas do Nadal.
Difundirase a campaña nos medios de comunicación e tamén nas redes sociais. Divulgaranse uns vídeos nos que seis mulleres do sector primario contan a súa experiencia laboral.
Estas seis protagonistas son: Nuria Novelle, mariscadora en Redondela, vicepresidenta da agrupación de mariscadoras e confraría San Xoán de Redondela e presidenta de Amartumar, que pon en valor as profesións do mar. Ana Beatriz Amoedo é unha horticultora e viticultora de Cambados que desenvolve un proxecto de agricultura ecolóxica. Montserrat Areán leva máis de 20 anos á fronte dunha explotación gandeira en Vilafrío, Rodeiro, mantendo vivo o tecido produtivo no interior da provincia. Leticia Álvarez é peixeira no mercado do Calvario en Vigo, e vende produto local e de calidade como antes fixeron a súa nai e a súa avoa. Natalia Rodríguez é unha viticultora pioneira na recuperación de prácticas de agricultura ecolóxica na Denominación de Orixe Rías Baixas. E María José Tallón é propietaria de Trasdeza Natur, situada en Silleda, unha tenda en liña especializada en produtos ecolóxicos premiada internacionalmente.
Todas elas coincidiron en sinalar a necesidade dun relevo no traballo e en destacar a altísima calidade do produto local.