Un informe forense nega que a morte dun bebé no Provincial fora por unha neglixencia médica
Por Alejandro Espiño
A loita xudicial de Patricio Fernández para demostrar que o falecemento do seu fillo Simón, de tan só once meses de idade, debeuse á deficiente asistencia sanitaria que recibiu no Hospital Provincial, complicouse. Un informe médico forense ordenado polo Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra conclúe que a morte do menor non se produciu por unha neglixencia médica por parte do persoal que o atendeu.
A asistencia médica recibida polo bebé, apunta o informe, "presentou a dilixencia, pericia e prudencia médicas esixidas a calquera profesional" e que se axusta aos protocolos existentes. Aínda que cabo a posibilidade de presentar alegacións a este informe, a contundencia deste estudo forense dificulta que Patricio e a súa esposa poidan seguir litigando nos xulgados para esixir responsabilidades aos médicos que asistiron ao seu fillo.
Así o recoñecen ambos, pero Patricio Fernández insiste en que ao seu fillo non lle prestaron a atención debida. "Como puede ser digan que está todo bien y que debe seguir así, cuando a mi hijo no le hicieron nada. Seguro que si fuese algún hijo de estas personas que dicen que está todo bien no se hubiese actuado de la misma manera", explicou aos medios de comunicación ás portas do servizo de Urxencias do Hospital Provincial.
Simón faleceu pola síndrome de resposta inflamatoria sistemática (sepsis), un tipo de meninxite que podería haberse detectado a través dunha simple analítica, "que ni siquiera hicieron, pasaron de largo", recorda Patricio. O bebé ingresou en Urxencias con febre elevada. Permaneceu en observación durante hora e media. Bañárono para intentar baixarlle a temperatura e foi dado de alta tras diagnosticarlle un cadro vírico.
Parecía reaccionar ben, pero pasada a medianoite, a febre subiulle de novo. A familia volveu ao Hospital, onde o neno ingresou directamente en reanimación. Cando a situación parecía estar controlada e previran trasladalo a unha UCI especializada en Vigo, o seu estado de saúde volveu complicarse e Simón falecía. "No sé si le habrían salvado la vida o no, pero algo más se podría haber hecho, estamos seguro", aseguran os seus pais.
Tras sinalar que sufrir un episodio como este "te arruina la vida", Patricio Fernández afirma que en todo caso a súa loita continuará para lograr "no solo que se haga justicia", senón para que se melloren os protocolos de actuación no Complexo Hospitalario de Pontevedra e evitar que este tipo de situación poida repetirse. "Estamos en la obligación de intentar cambiar eso", explica. Entre outras medidas, anuncia que protagonizarán en próximas datas unha concentración diante do Hospital Provincial.