O IGAFA da Illa de Arousa acolle á tartaruga Nemiña para a súa recuperación
Por Redacción
O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar, acolle desde hai uns días á tartaruga 'Nemiña' que apareceu o pasado 23 de novembro na praia de Nemiña en Muxía enredada nunha maraña de cabos e saco de rafia.
O animal é unha tartaruga común (caretta caretta) de 34 centímetros de lonxitude e 2,2 quilos de peso e pasou a revisión por parte do veterinario da Rede de Varamentos de Galicia.
Posteriormente foi ingresada no Igafa, con sede na Illa de Arousa, onde está en observación baixo a supervisión da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e evoluciona favorablemente.
Esta acción forma parte da colaboración que mantén a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desde o ano 2013 coa Cemma para a recuperación dos mamíferos mariños e outras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos. Ademais conta coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do instituto dependente da Consellería do Mar. De feito, este tipo de estadías adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños.
Nemiña permanecerá uns días en observación nas instalacións do Igafa e, unha vez rematada a súa recuperación, devolverase ao medio natural. Con ela o Igafa ten participado na recuperación de catro tartarugas mariñas e 13 lobos mariños que foron trasladados a este centro desde 2013para completar a súa recuperación. Estas colaboracións serven como actividade didáctica para a concienciación medioambiental e a adquisición de coñecementos para o mantemento e recuperación de especies mariñas.
Relacionadas:
-
Nemiña e Coviña, dúas tartarugas que parten de Vilaxoán rumbo ao Caribe
Por Redacción |
-
A Xunta oferta 12 prazas para un curso de recolector de recursos con técnicas de mergullo
Por Redacción |
-
Tres tartarugas e un lobo mariño recupéranse na Illa de Arousa antes de volver ao seu medio natural
Por Redacción |
-
RADIO.- "As candorcas non teñen intención de destruír a pesar de que nalgunha interacción con barcos rompan algo"
Por Marisa Ciordia |
-
Morre unha balea que quedou varada no porto de Combarro
Por Redacción |