Voces femininas para reivindicar os valores da Constitución, que "debemos ter moi presentes, hoxe máis que nunca"
Por Natalia Puga
Oito voces femininas protagonizaron este martes o acto institucional de conmemoración do 44 aniversario da Constitución celebrado en Pontevedra, unha cita oficial que este ano fuxiu da súa estrutura clásica para poñer na voz de mulleres representantes das Forzas de Seguridade e do traballo en emerxencias para reivindicar os valores esenciais da Carta Magna.
Así, participaron, en representación das entidades nas que traballan as seguintes mulleres: Montserrat Grande Corral (Garda Civil), Paula Novas (Policía Nacional), tenente Marisol Jiménez (Brilat), Silvia Ferrer Moreno (garda mariña da Escola Naval Militar de Marín), María Dolores Gómez Diaz (Policía Local de Vilagarcía), Cristina Alonso (Protección Civil de Cuntis), e Hortensia Rodríguez (Rede Nacional de Radio e Emerxencias - REMER).
As sete leron un artigo da Constitución e a oitava voz foi a da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que lembrou o artigo 14 da Constitución que recolle a plena igualdade entre mulleres e homes: "as voces das mulleres teñen que escoitarse altas e claras".
"Esta igualdade debe de ser plena e nunca seremos capaces de alcanzala mentres unha parte da sociedade, quero pensar que minoritaria, siga considerando á outra metade inferior e con dereitos sobre ela", pediu, e destacou a importancia da presenza destas sete mulleres que a acompañaron, representantes de entidades que ata hai pouco estaban reservadas aos homes e nas que se avanzou en igualdade nos últimos anos.
Larriba quixo reivindicar os "valores esenciais" da Carta Magna, que considera "debemos ter moi presentes, hoxe máis que nunca, cando a cidadanía asiste atónita ao seu incumprimento reiterado ou cando a descualificación ou o insulto pretende converterse nunha maneira de facer política".
Durante o seu discurso, a subdelegada reclamou que declararse constitucionalista "ten que ser algo máis que un cualificativo e un mero slogan, ten que ser un compromiso total coa norma e, por suposto, cumprila na totalidade e non só naqueles artigos que nos interesan cando máis nos convén".
Partindo desa base, lamentou que na actualidade "pervivan maneiras moi afastadas do espírito impregnado na Constitución" e pediu "altura de miras para traballar polo interese do conxunto do país e impregnar España de cor e de futuro nun momento histórico que atravesamos tras saír dunha pandemia e ter unha guerra nas fronteiras de Europa".
Tamén destacou Maica Larriba o compromiso do Goberno "por seguir avanzando en dereitos e oportunidades para toda a cidadanía con normas que protexan aos máis débiles e con obrigacións para aqueles que máis teñen e que máis deberían contribuír no progreso conxunto de toda sociedade española".
O acto congregou na Subdelegación do Goberno en Pontevedra representantes da vida civil e militar, e contou con representantes do PSOE e o PP, entre eles, o deputado socialista o Congreso Guillermo Meijón; a senador 'popular' Pilar Rojo; a deputada do PSOE no Parlamento de Galicia Paloma Castro; o delegado da Xunta en Ponteveda, Luis López; e os concelleiros de Pontevedra Iván Puentes, Yoya Blanco, Rafa Domíguez, Pepa Pardo e Juan Manuel Muñoz.
Tamén estiveron o comisario provincial, Juan José Diaz Jiménez; o coronel xefe da Garda Civil, Simón Venzal; o comandante director da Escola Naval de Marín, Pedro Cardona Suances; o subdelegado de Defensa en Pontevedra, o coronel Miguel Constantino Cortés Calvo; a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o capitán da Garda Civil de Tráfico, Antonio Pérez Piteira; ou a directora da prisión da Lama, Teresa Delgado.
Relacionadas:
-
8M | O "moi masculinizado" sector da pesca toma o protagonismo na Subdelegación do Goberno
Por Natalia Puga |
-
Tráfico intensifica os controis co Nadal "para que todos poidan volver coas súas familias"
Por Natalia Puga |
-
A renovación do Poder Xudicial, a debate en Pontevedra: co bloqueo "perdemos todos"
Por Natalia Puga |
-
A sociedade civil toma a palabra para defender dereitos fundamentais na homenaxe pontevedresa á Constitución
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |