Así é por dentro o novo Carabela, que abre as súas portas este mércores 7
Por Redacción
Este mércores 7 de decembro, ás 12.00 horas, o novo Carabela abrirá as portas nun esperado regreso dentro da súa dilatada carreira como local de referencia no centro de Pontevedra.
PontevedraViva ofrece as primeiras fotografías do interior do establecemento, completamente reformado. Agora presenta un característico estilo gastrobar cunha estética moderna e luminosa sen perder a esencia da coñecida cafetería da Praza da Estrela, que é habitualmente lembrada en Pontevedra polos seus bocadillos de luras á romana.
Miguel Álvarez, hostaleiro responsable de La Pepita en Santiago de Compostela, é o promotor desta reforma coa idea de volver identificar o local coa cidade. Estas novas instalacións contan xa cun espazo adaptado de maneira universal para que poidan acudir persoas con mobilidade reducida, algo que non sucedía anos atrás.
Entre a decoración, marcada por tons brancos, mesas de mármore, taburetes e sofás, destaca un granate "Hai que roelo" en referencia ao equipo histórico do Pontevedra e tamén ao contido da carta que se ofrecerá á clientela desde a súa apertura.
Haberá novas propostas gastronómicas pero, desde logo, non faltarán as luras á romana nin os coñecidos callos do Carabela. A proposta inicial é que abra entre as 12.00 e as 23.00 horas, con ampliación de horario durante as fins de semana e festivos.