Visto bo da Xunta ao Plan Especial de dotacións para o Auditorio de Ponte Caldelas
Por Redacción
A parcela para a construción do Auditorio Municipal de Ponte Caldelas xa ten o visto bo da Xunta de Galicia, aínda que con matices. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vén de emitir un informe previo á aprobación definitiva do Plan Especial de dotacións na rúa Valdarrosa, que ten como finalidade autorizar urbanisticamente a instalación deste equipamento cultural sen necesidade de esperar á elaboración do novo PXOM.
O ámbito de actuación do documento é un grupo de tres parcelas da Comunidade de Montes de Cuíñas, de máis de 3.000 metros cadrados, situado nos terreos da contorna do Instituto de Ponte Caldelas.
Na actualidade ningún local do municipio reúne condicións para albergar actividades culturais deste tipo, polo que dende o Concello preténdese que no mesmo se poidan organizar tamén cursos e actividades que na actualidade non se poden celebrar.
Non obstante, segundo recolle o informe favorable do goberno galego, o Concello deberá corrixir o recadro da edificación previsto no número 8 da vía mencionada, concretamente, os viarios, aliñacións e rasantes, que deben ser, como mínimo, de cinco metros.
En todo caso non debería supoñer traba algunha a un proxecto que xa foi aprobado provisionalmente polo Pleno da corporación municipal e que durante a súa exposición pública non se presentou alegación algunha. Conta ademais con varios informes favorables das consellerías do Medio Rural e Economía, da empresa subministradora de enerxía eléctrica, da Dirección General de Aviación Civil do Ministerio de Fomento e de Augas de Galicia.