Un abeto natural de seis metros preside a inauguración do alumeado de Nadal
Por Redacción
Bueu inauguraba este luns a iluminación do Nadal con medio centenera de arcos luminosos e a gran novidade dun abeto natural, de seis metros de altura, que se sitúa na Praza Massó durante todas as festas.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e algúns representantes da corporación municipal foron os encargados de inaugurar desde a Praza Massó esta iluminación. Acompañando ao abeto atópase un pequeno poboado para que os escolares poidan facerse fotos neste espazo.
Tamén se repartiron unha trintena de adornos para farois e árbores, ademais de instalar un centenar de grilandas. A maioría das luces son de tipo Led, segundo informa o goberno local, co obxectivo de aforrar enerxía.
As luces apagaranse a media noite, salvo nas xornadas festivas e previas, que contarán cun horario máis amplo. Increméntanse as luces en zonas comerciais como reclamo para activar o consumo no comercio local, segundo indica o goberno liderado polo nacionalista Félix Juncal.
Nos próximos días está previsto que se anuncie a programación de actividades para toda a familia durante estas datas.