Antes de 2023 comezará a funcionar o novo TAC no Hospital do Salnés
Por Redacción
O novo equipo de tomografía axial computerizada - TAC - xa se atopa no Hospital comarcal do Salnés. Segundo anuncia o SERGAS, comezará a instalarse e ensamblarse de inmediato coa intención de que se atope activo antes de que finalice este ano 2022.
Esta ferramenta permitirá renovar aparellos de alta tecnoloxía que se atopaban neste centro hospitalario desde fai máis dunha década. O novo TAC converterase no primeiro equipo que se instale na área sanitaria dentro do programa de renovación de Alta Tecnoloxía dse equipamento electromédico do Plan INVEAT, plan de investimento en equipos de alta tecnoloxía sanitaria no sistema nacional de saúde.
O novo equipo incorpora tecnoloxías de última xeración, ofrece moitas capacidades clínicas e reduce a dose de radiación ata nun 82%. Ademais, este equipo de TAC incorpora unha tecnoloxía exclusiva de posicionamento do paciente baseado en intelixencia artificial. Este sistema mellora os tempos de traballo dos profesionais sanitarios e aumenta a calidade de resolución dos estudos.
Permitirá tamén aplicacións clínicas que non presentaba o TAC anterior, como a posibilidade de efectuar estudos cardíacos e tamén de perfusión cerebral para o Código Ictus. Ademais, incorpora sistemas de intervencionismo, permitindo realizar puncións, biopsias e drenaxes.
A estas melloras, tamén se suma o sistema de nova xeración baseado en tecnoloxía de intelixencia artificial, que optimiza o fluxo de traballo para mellorar a facilidade de uso, incrementando a adquisición de imaxes e sistemas postprocesado. Esta opción permite máis precisión nos estudos diagnósticos.