A Audiencia de Pontevedra rebaixa unha condena a un abusador pola lei do ‘só si é si’
Por Oskar Viéitez
A Sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra rebaixou en seis meses a pena imposta a un home condenado por un delito de abuso sexual a menor de 16 anos aplicamdo a nova lei de garantía integral da liberdade sexual, máis coñecida como a lei do ‘só si é si’.
O tribunal provincial, de acordo con o criterio expresado polo Ministerio fiscal, rebaixa en seis meses a pena imposta, xa que na sentenza de instancia optouse por impoñer "a pena mínima" dentro do arco punitivo, tendo en conta a aplicación de tres circunstancias atenuantes.
Desta forma, coa nova lei, entenden que este mínimo pasa a ser de catro anos e medio, no canto de cinco, polo que lle rebaixa eses seis meses.
Na súa reclamación procesual este home apuntaba que o novo Código penal é máis beneficioso e que a pena imposta debía ser rebaixada a tres anos de prisión.
Contra esta resolución as partes poden interpoñer Recurso de Apelación ante a Sala Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O xuízo resolveuse o pasado mes de maio mediante un acordo de conformidade. Segundo admitiu este home, cando tiña 26 anos de idade empezou a citarse cunha menor coa que mantivo relacións sexuais completas durante catro meses "a propósito de que era menor de 16 anos". A nena chegou a quedar embarazada, xa que os abusos producíronse sen ningún tipo de protección. Este embarazo foi interrompido voluntariamente.
O acusado, de nacionalidade venezolana, recoñeceu a autoría dos feitos. A Fiscalía tivo en conta a confesión, a reparación parcial do dano e o alleamento mental que padece o acusado.
A resolución coñecida este luns 5 de decembro mantén o resto dos pronunciamentos de sentenza na que se contempla que, unha vez que este home cumprise dous terzos desta pena o resto da condena poderá ser substituída pola expulsión do territorio nacional. Ademais, o tribunal impuxo ao acusado por un período de dez anos a prohibición de comunicación por calquera medio ou método, e de aproximación respecto a a nena o seu domicilio ou calquera lugar onde se atope nun radio de 200 metros.
Tamén terá que cumprir a medida de liberdade vixiada por sete anos e seis meses, que se executará con posterioridade á pena privativa de liberdade. En concepto de responsabilidade civil deberá indemnizar á nena con 6.000 euros polo dano moral causado.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma a condena de 24 anos de cárcere imposta a un pai que violou á súa filla desde que tiña 5 anos
Por Oskar Viéitez |
-
A Audiencia de Pontevedra rebaixa as penas a dous condenados por delitos sexuais ao aplicar a lei do "só si é si"
Por Oskar Viéitez |
-
Condena de cinco anos de cárcere por abuso para un home que embarazou a unha nena de 14 anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Piden doce anos de cárcere por abuso para un home que embarazou unha nena de 14 anos
Por Oskar Viéitez |