Unha fronte fría baixa as temperaturas en toda a comarca e deixa mínimas de 0 graos
Por Redacción & Cristina Saiz
O domingo chegou frío a Pontevedra e toda a súa área de influencia. As Rías Baixas amenceron con ceos totalmente despexados, pero unhas temperaturas máis baixas que o día anterior, que situaron os termómetros en 0 graos en localidades como Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro.
A baixada das temperaturas foi xeneralizada e deixou na cidade de Pontevedra tan só 1 grao de temperatura mínima nos momentos máis fríos da xornada. Xusto esta mesma temperatura tamén se rexistrou en Meaño
Segundo os datos de Meteogalicia, na comarca de Umia tamén se rexistraron datos similares, con mínimas de 2 graos en Barro, Moraña e Portas, tres en Cuntis e Caldas de Reis.
Tamén 2 graos marcaron os medidores de Vilaboa, A Lama e Ribadumia.
Os 3 graos marcaron un domingo frío en Poio, Ponte Caldelas, Cambados e Meis (tamén Cuntis e Caldas de Reis)
As zonas de costa tiveron unhas temperaturas uns graos máis elevadas e chegaron a 4 no Grove, Marín, Sanxenxo e Vilagarcía.
Na Illa de Arousa. e Vilanova de Arousa os termómetros chegaron a marcar 5 e a zona coas temperaturas máis altas foi Bueu, con 6 graos.
Segundo a predición de Meteogalicia, a partir deste luns, as temperaturas volverán subir. Serán normais para este período, con mínimas que ascenderán moderadamente e máximas que se manterán sen cambios.
Os ceos azuis abandonarán aos poucos as Rías Baixas. Así, prevense ceos con nubes e claros durante os próximos días e espéranse precipitacións do luns pola tarde ao martes pola mañá, así como o mércores pola noite.
Na segunda metade da semana, o máis probable é que todo Galicia quede baixo a influencia das baixas presións, cunha alta probabilidade de precipitacións a excepción do sábado.