Dez días de reasfaltados para mellorar o estado das calzadas en dez puntos da cidade
Por Redacción
A partir deste luns 5 de decembro, dez puntos da cidade de Pontevedra serán obxecto dunha nova campaña de reasfaltados que se prolongarán durante dez días.
Con estas actuacións, o Concello de Pontevedra busca seguir mantendo en bo estado as calzadas da cidade e incluirán fresado, reasfaltado, ampliación ou creación de pasos de peóns sobre elevados ou a instalación de redutores de velocidade.
Este luns 5 está previsto que comecen os traballos nas rúas Pintor Laxeiro e A Parda. Para a primeira está contemplada unha ampliación do paso de peóns e unhas tarefas de reasfaltado, namentres na segunda só se realizará un reasfaltado.
O mércores 7 de decembro comezará a actuarse na avenida de Compostela e na rúa Corbaceiras. Os traballos non afectan aos percorridos totais das rúas, senón a puntos concretos que o precisan.
No caso da avenida de Compostela ampliarase un dos pasos de peóns sobre elevado e tamén será instalado un redutor de velocidade. Na rúa Corbaceiras realizaranse tarefas de fresado e reasfaltado.
O luns 12 de decembro o Concello prevé iniciar obras en Gonzalo Gallas (fresado e reasfaltado), San Antoniño (fresado e reasfaltado) e Amado Carballo (reasfaltado).
O martes 13, actuarán na rúa Estrigueiras, onde se realizará un reasfaltado.
O mércores 14 vaise actuar na contorna da Fontesanta. Nesta rúa non hai na actualidade ningún paso de peóns e o Concello creará un total de nove e instalará dous redutores de velocidade solicitados pola veciñanza.
Esta campaña rematará na rúa Martín Códax, onde está programado a creación dun paso de peóns sobre elevado e de tres redutores de velocidade para aumentar a seguridade viaria. Na actualidade, nesta rúa non hai ningún paso de peóns.