Unha veciña de Poio de 73 anos, denunciada por circular en sentido contrario pola AP-9
Por Natalia Puga
Unha veciña de Poio de 73 anos foi denunciada na mañá deste sábado por un delito contra a seguridade viaria tras circular pola autoestrada AP-9 en sentido contrario ao establecido, poñendo en grave perigo o resto de condutores que circulaban correctamente por esta vía.
Todo ocorreu uns minutos despois das 11.00 horas da mañá deste sábado. O vehículo conducido por esta condutora entrou na AP-9 ao seu paso por Pontevedra e circulou polo carril contrario durante unha distancia que aínda non foi concretada ata que outro vehículo logrou darlle o alto.
De inmediato, foi alertada a Garda Civil de Tráfico, que se presentou no lugar no que se detivo o vehículo, no quilómetro 130,700 da AP-9 en sentido Coruña, e abriu dilixencias contra esta condutora.
Fuentes oficiais da Garda Civil confirmaron que se instrúen dilixencias por un delito contra a seguridade viaria contra esta muller, que se dirixía cara a Vigo, pero entrou polo carril sentido Coruña.
Ademais, os axentes do subsector de Tráfico da Garda Civil elaboran agora un informe que se remitirá á Xefatura Provincial de Tráfico da DXT propoñendo a retirada do carné a esta condutora por perda das aptitudes psicofísicas necesarias para conducir.
A condución temeraria desta condutora causou situacións de perigo para ela mesma e para outros condutores, que, tal e como pode verse no vídeo ao que tivo acceso PontevedraViva, empezaron a utilizar o claxon para alertala da súa equivocación ata que outro vehículo conseguiu darlle o alto.