Pontexogos: nenos entretidos mentres os pais mercan durante o Nadal
Por Anxo Lourido & Diego Torrado
A carpa de Pontexogos permanecerá aberta ata o 4 de xaneiro. Nela vanse desenvolver numerosas actividades destinadas a nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos mentres os seus pais realizan as compras do Nadal con tranquilidade polo centro da cidade.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, sinala que con esta proposta "se fomenta la compra en el mercado local y la conciliación familiar". Para poder deixar aos nenos nas actividades da carpa só é necesario mostrar un tícket de ter realizado un gasto de, polo menos, 3 euros.
Durante esta primeira semana, o horario será só de tarde porque aínda se mantén o horario escolar pero a partir do 21 de decembro haberá actividades durante a mañá e a tarde coa excepción do día de noiteboa e de fin de ano nos que se pechará durante a tarde e o día de Nadal e de Ano Novo en que non se abrirá.
As actividades serán permanentes con ludotecas divididas en tres tramos de idades, con talleres de maquillaxe e fantasía, malabares, psicomotricidade, raio control, globolexia e manualidades que ofrecerán a opción aos nenos de crear beléns, dar forma a bonecos de neve ou escribir a carta aos Reis Magos. "No quiero que sea un aparcaniños", afirmó Carlota Román.
Durante o pasado nadal, segundo indicou a concelleira, máis de 20.000 nenos participaron nos obradoiros que se realizaban neste espazo e algún día chegaron a concentrarse 1.800 persoas nestas instalacións. Fóra da carpa tamén se desenvolverán outras actividades coa instalación dun carrusel e un rocódromo. Ademais, para crear animación, un pasarrúas con pernilongos e Papá Noel percorrerá o centro da cidade.