A Illa de Arousa prepárase para un mes cultural e do Nadal dirixido a todas as idades
Por Redacción
A Illa de Arousa prepárase para vivir unha axenda cultural apretada con seis concertos musicais, unha actuación de humor, o desfile de Papa Noel, contacontos, a visita do Apalpador, títeres para nenos, cine e a Cabalgata de Reis, complementado cunha amplia programación de talleres de actividades para nenos.
A concelleira de Cultura, Rosi Viana, presentou o cartel xunto ao concelleiro Luis Arosa, e algúns representantes das asociacións e grupos que se subirán ao escenario do Auditorio Municipal da Arousa nos vindeiros días.
A actuación de Quico Cadaval e Cándido Pazó será un dos pratos fortes desta programación que porá o broche final ao actos organizados polo Concello para celebrar os seus 25 anos de emancipación de Vilanova. A actuación será o sábado 17 de decembro ás 20 horas no Auditorio. A entradas terán un coste de 7 euros con compra anticipada e 10 en billeteira e poderán adquirirse na Administración de Lotería e na biblioteca municipal.
Un día antes, o 16 de decembro, será o turno da música coral da man da Polifónica de Arousa. Unha actuación gratuita á que Carmen Vázquez, integrante da coral, convida a asistir a toda a veciñanza xa que é unha das poucas actuacións que farán nos vindeiros meses. Interpretarán catro cancións, unha delas unha nana, e compartirán escenario no Auditorio coas corais de Portonovo e Meis. A entrada é gratuita e a actuación será ás 19.30 horas.
O luns 19 será o turno da Escola de Música Municipal, cun concerto gratuito ás 18 horas no Auditorio Municipal e o venres 23 a Praza do Concello será o punto de partida do desfile de Papá Noel, que percorrerá as rúas principais da Arousa desde as 17 horas cunha merenda posterior.
O grupo Doen toma o relevo no apartado musical o venres 23 cun concerto gratuito con invitacións que se poderán recoller na biblioteca ou no Auditorio a partir das 20 horas. O luns 26 os máis pequenos terán unha sesión lúdica con Flipa dos Contos, a cargo de Bandullo Azul, tamén gratuita a partir das 18 horas. A cita da rapazada da Arousa co Apalpador será o martes 27 ás 12 horas no Auditorio Municipal.
O mércores 28 será a asociación Dorna a que tome as rúas cun desfile no que levará a súa música e o seu colorido por diferentes zonas do municipio; o venres 30 de decembro Lontreira, grupo arousán gañador da Canción de Verán a nivel autonómico e composto por Adri Coyote e Rotce, presentará no Auditorio o seu último disco 'Apnea' nun concerto gratuito para o que haberá que retirar as invitacións na Biblioteca Municipal.
O martes 3 de xaneiro Tanxarina Títeres encargarase do entretemento dos máis pequenos co espectáculo 'A cazola de Lola', con entrada en billeteira a 3 euros. O cine tamén está presente na programación de Nadal co pase gratuito da película 'Valentina'.
O cartel deste ano péchao a Cabalgata de Reis o sábado 5 de xaneiro, un evento que será anunciado co cartel gañador do concurso no que poden participar todos os alumnos de Infantil e Primaria da Arousa.