A primeira aceleradora de economía social de Galicia crearase en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Promocionar o cooperativismo, a economía social e o emprendemento en Pontevedra. Ese é o obxectivo do acordo alcanzando entre o Concello e a Unión de Cooperativas Galegas Espazo Coop, que impulsará na cidade a primeira aceleradora de economía social de Galicia.
A súa sede física estará situada no antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII, que será rehabilitado proximamente para converterse nun laboratorio de creatividade.
"Desde o Concello levamos moito tempo pensando e ideando como asentar un sistema creativo e innovador na cidade. É un proxecto meditado e traballado que permitirá utilizar o antigo conservatorio para estes fins", explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Esta aceleradora, segundo Fernández Lores, "é un paso máis" na liña de situar a Pontevedra como referente para proxectos emprendedores que teñen a creatividade como base.
Ana Olveira, presidenta de Espazo Coop, un colectivo que agrupa máis de 230 cooperativas galegas, avanzou que este proxecto irá máis alá de impulsar a propia economía social, xa que será "dinamizador do emprego, da economía e da cidade".
A economía social e as empresas que a practican "poñen no centro as persoas, igual que o modelo de cidade aplicado en Pontevedra o fai", destacou Olveira.
Nelas, segundo explicou, as decisións "non se toman só desde unha perspectiva económica, senón que tamén temos en conta a todas as persoas que forman parte das mesmas".
Este sector aporta a Galicia un 8% do seu PIB o que, para a dirixente de Espazo Coop, o sitúa "case á mesma altura que o turismo".
Esta aceleradora creará un "ecosistema" que permitirá que estas empresas testen modelos de negocio ou se implanten as ferramentas necesarias para que os que queren emprender ou darlle unha volta á súa empresa poidan facelo a través dun programa de formación.
"Actuaremos de xeito conxunto e rápido e non terán que esperar a unhas convocatorias puntuais ou a uns espazos efémeros", subliñou Ana Olveira.
Unha das propostas será acoller un viveiro para que "dez ou quince" proxectos poidan dar nel os seus primeiros pasos, proxectos emprendedores que despois quedarán asentados na cidade "porque estas empresas non deslocalizan e crean riqueza no país".