O alumeado de Nadal xa brilla nos edificios da Deputación
Por Mónica Patxot & Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación, foi a encargada de acender a iluminación das festas do Nadal deste 2022 nas sedes e edificios da institución provincial. O acto contou coa presenza de seres extraordinarios que ofrecían un espectáculo titulado 'Lux' de mimo, maxia, música e escenas circenses.
Esta iniciativa contou tamén coa tradicional conta atrás antes do acendido e unha chocolatada final. A proposta decorativa presenta milleiros de luces led e unha escenografía a modo de escena invernal cunha cabana de bosque, de madeira, no vestíbulo do Pazo Provincial. Este espazo será destinado para que as persoas que o desexen fagan fotos e selfies baixo as letras de 'Bo Nadal'. No interior atópase unha cheminea e adorno do Nadal para o photocall.
Instaláronse cortinas luminosas led de 1,5 metros de caída e efecto flashing en cada piso e no frontón. Ademais, tamén se aluman os xardíns co magnolio grandiflora decorado con 20 mallas de luz nas súas ramas e 50 unidades de bólas 3D led, unha decoración que tamén se estende aos outros árbores da contorna. O Edificio Administrativo, o Palacete das Mendoza e o Centro Príncipe Felipe tamén inclúen alumado con iluminación led e elementos visuais espectaculares.
Este venres 2 de decembro, a Deputación tamén realizará un acto cheo de sorpresas no castelo de Soutomaior e na fortaleza de Sobroso. En Soutomaior comezará ás 18.00 horas con iluminación do recinto histórico e a apertura do mercadillo de Nadal, que permanecerá aberto ata o 8 de decembro en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.