O videoxogo pontevedrés que invita a explorar os fondos submarinos xa está dispoñible
Por Alejandro Espiño
"Alégrome de poder compartir este xogo finalmente co público", asegura José Luis González Castro, o pontevedrés que desde o seu estudo sqr3Lab desenvolveu o videoxogo de exploración submarina subROV: Underwater Discoveries.
Este simulador orixinal e accesible convida os seus usuarios a experimentar de primeira man expedicións oceanográficas como as organizadas por entidades especializadas como o Instituto Schmidt Ocean ou o Instituto Oceanográfico das Bermudas.
O xogo, ao que xa se pode acceder a través da plataforma Steam Early Access, permite controlar un robot de exploración submarina desde o confort do teu fogar e recrear as expedicións de institucións oceanográficas ao longo e ancho do globo.
"Espero que quen o xogue experimente a mesma intriga e fascinación que eu sinto polo océano", explica o seu creador.
En subROV: Underwater Discoveries, os xogadores poden, entre outras actividades, explorar rexións descoñecidas, medir a temperatura de chemineas hidrotermais ou estudar especies acuáticas, desde quenllas a corais de augas profundas.
O xogo combina contornas realistas e controis intuitivos para crear unha experiencia única e accesible a todos os públicos.
subROV foi desenvolto polo estudo sqr3lab, co apoio da National Science Foundation e dos institutos oceanográficos Bermuda Institute of Ocean Sciences e Schmidt Ocean Institute, propietario do buque de exploración Falkor(too), actualmente no porto de Vigo.
Ambas as entidades achegaron asesoramento científico a este proxecto e varias das súas expedicións foron recreadas no xogo.