Preocupación no PP e na CEP polos "alarmantes" datos de criminalidade en Vilagarcía
Por Redacción
Representantes da Confederación Española de Policía (CEP) e do Partido Popular mantiñan un encontro nas últimas horas para tentar buscar solucións ante os datos de criminalidade en Vilagarcía de Arousa.
O sindicato policial considera "alarmantes" os rexistros que mostran que neste 2022 producíronse un 22% máis de infraccións penais de media en relación ao mesmo período de 2021. As rifas en vía pública e os roubos con forza son as infraccións que máis aumentaron.
Ademais, en 2021, producíase unha media de 46 delitos por cada mil habitantes na vila, converténdose na cidade coa taxa de criminalidade máis alta da provincia e a terceira máis elevada en Galicia, segundo os datos que manexan. O ano pechouse coa cifra de 1.737 infraccións penais, o número máis alto desde que se toman estes datos.
Sinalan que a falta de policías nacionais nas rúas de Vilagarcía "é máis que notable" ao carecer de persoal suficiente na Comisaría para cubrir os servizos "normais". Esta situación, denuncian, afecta sobre todo as noites e ás fins de semana.
Agustín Vigo, secretario rexional da CEP e Carlos Rodríguez Losada, secretario provincial do sindicato policial trasladaron estes datos a Elena Suárez e Juan Andrés Bayón, integrantes do PP en Vilagarcía.
Desde a CEP responsabilizan directamente "pola súa mala xestión" ao máximo responsable da Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía, Luís Hombreiro. Piden o seu cesamento de inmediato no cargo.
Os representantes do PP mostraron o seu apoio aos membros do CEP e lembraron que en febreiro levaron ao pleno da corporación unha moción na que demandaban a dotación de máis efectivos para a Comisaría; a cobertura de vacantes e o incremento da porcentaxe de reposición. A moción foi aprobada coa abstención do PSOE e esixen ao alcalde Alberto Vareal o cumprimento deste acordo plenario reclamando solucións á Subdelegación do Goberno.
O sindicato policial denuncia tamén que pediron un encontro con Maica Larriba, subdelegada do Goberno, para trasladar a preocupación por esta situación e non recibiron resposta á súa solicitude.
Relacionadas:
-
Juan José Díaz, xefe da Comisaría Provincial de Pontevedra, analiza datos de criminalidade co alcalde de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Desarticulan un punto negro de venda de droga no centro de Vilagarcía
Por Redacción |
-
A subdelegada do Goberno apoia o traballo policial en Vilagarcía fronte ás críticas sindicais
Por Redacción |
-
Os sindicatos policiais JUPOL, CEP e ASP únense para solicitar o cesamento de Luis Hombreiro como Xefe da Policía Nacional de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Un sindicato policial solicita o "cesamento inmediato" do xefe da Comisaría de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |