Mobilización da CIG demandando solucións ante a carestía da vida
A central nacionalista reclama medidas urxentes ante a crise e o aumento da precariedade laboral e da pobreza
© Mónica Patxot
A CIG pide solucións na rúa ante a situación económica e social extrema

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
O sindicato nacionalista convocou á cidadanía a unha concentración este martes 29 na praza da Peregrina en Pontevedra. Durante o acto deuse lectura a un manifesto reclamando accións ao goberno estatal e á Xunta de Galicia para facer fronte ao incremento das desigualdades e da pobreza. Ao berro de "menos discursos e máis recursos" reivindicaron salarios dignos e políticas públicas.
Desde a CIG sinalan que a situación de crise actual se debe á ofensiva do capital e ao belicismo xerado pola OTAN que toma a guerra como sistema de dominación dos pobos e das clases populares. Esta situación provocou un incremento alarmante da inflación, coa subida dos prezos da electricidade e dos combustibles, pero tamén dos produtos de primeira necesidade causando graves problemas na clase traballadora.
Lembran que Galicia presenta comarcas enteiras e sectores produtivos que se atopan agonizando. Os números reflicten, segundo a central nacionalista, un descenso do emprego e da industria fronte a un incremento da emigración e unha poboación cunha media de idade elevada.
Sinalan que os orzamentos recollidos polo Goberno español e pola Xunta de Galicia para o 2023 evitan solucións para abordar as graves carencias e as necesidades sociais. Alertan do aumento da precariedade laboral cun diálogo social "nefasto" mentres o salario mínimo interprofesional e as pensións permanecen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea.
A CIG fai un chamamento a reivindicar na rúa un Plan de Choque urxente para deter a subida dos prezos e buscar unha saída xusta en Galicia á crise actual. Esixen ao goberno estatal e da Xunta de Galicia medidas inmediatas de intervención pública na economía e en sectores como o financeiro ou o enerxético que eviten que a clase traballadora volva pagar sufrindo as consecuencias desta crise.
Entre os asistentes á concentración atopábanse representantes do sector do comercio do metal e da limpeza dos hospitais da área sanitaria, colectivos que actualmente manteñen conflitos laborais coa patronal.
Protesta da CIG contra a crise e a pobreza
O sindicato nacionalista denuncia as insuficientes medidas do Plan de Resposta Económica á Guerra e as actuacións do goberno da Xunta de Galicia ante a crise
© Mónica Patxot