Melloras deportivas en colexios de Vilanova para fomentar a vida saudable
Por Redacción
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, achegábase este martes polos colexios de San Roque e de Sestelo-Baión. Nestes centros están a realizarse melloras en infraestruturas deportivas para promover hábitos saudables entre o alumnado, segundo indica a Xunta de Galicia.
Xa se atopa operativa a nova pista multideporte do colexio CEIP Plurilingüe San Roque, en Corón, que se inclúe no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. A intención é que os escolares realicen deporte nun novo espazo que tamén está aberto fóra do horario escolar. Estas obras contaron cun orzamento próximo aos 80.000 euros dos que a Xunta achegou preto de 45.000 euros. A pista ofrece unhas dimensións de 23x12 metros cadrados.
Este espazo conta seis torretas de iluminación e focos led; con céspede artificial e solo de resina deportiva e presenta dúas porterías de balonmán e fútbol sala, dúas canastras de baloncesto e unha rede para pista de tenis, bádminton ou voleibol.
Rodríguez sinalou que o Goberno autonómico tamén apostou neste curso por incrementar nunha sesión lectiva máis á semana de Educación Física en estudos de Bacharelato para activar eses hábito saudables.
Nesta mesma liña, o conselleiro visitaba tamén o colexio CEIP Sestelo-Baión. Neste recinto remodelarase e adaptará o actual pavillón, de propiedade municipal, para atender ás demandas da comunidade escolar e educativa. Mellorarase con novas instalacións deportivas e crearase un almacén de material deportivo.