Reparan a espadana de San Cristovo de Briallos, que derrubou un raio en 2016
Por Redacción
Na parroquia de Briallos, no Concello de Portas, comezou esta semana a restauración do campanario da igrexa parroquial de San Cristovo, cuxa espadana cedeu en abril de 2016 por mor do impacto dun raio.
Para estes traballos de reparación a Consellería de Cultura manexa un orzamento de 29.483 euros.
Paralelamente, no interior do templo está a restaurarse desde hai unhas semanas o retablo maior, unha xoia do estilo barroco que se remonta ao S.XVIII, moi deteriorado polo paso do tempo.
Espérase que ambas as obras finalicen en febreiro xusto antes da romaría de San Brais para que tanto veciños como fieis chegados doutros lugares e parroquias poidan ver de novo a igrexa en todo o seu esplendor.
Entre os principais impulsores destas obras atópase o párroco Pablo Carou.