Unha campaña informará sobre o uso dos puntos limpos móbiles e a recollida de aceite doméstico en Vilagarcía
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía pon en marcha esta fin de semana unha campaña informativa e de sensibilización sobre a reciclaxe centrada na recollida de aceite de cociña e no uso dos novos puntos limpos móbiles adquiridos polo Concello.
Unha carpa informativa e un dos remolques que funcionan como punto limpo pasarán pola Praza de Galicia, o Mercado de Nadal e o Fexturrón nos vindeiros días para informar á poboación sobre o correcto uso destes dous sistemas de recollida.
A iniciativa porase en marcha o sábado, 3 de decembro, coa instalación da carpa e un dos puntos limpos móbiles na Praza de Galicia entre as 11 e as 14 horas. O día 7 e o 17 estarán no Mercado de Nadal, o 10 e o 14 no Fexturrón (en Fexdega) e rematará o día 20, de novo na Praza de Galicia.
A carpa tamén ofrecerá información sobre a reciclaxe do aceite usado de cociña e sobre os beneficios que para o medio ambiente ten esta práctica.
Para facilitar o depósito do aceite nos contedores específicos, na campaña repartiranse 10.000 funís con rosca para axustar aos recipientes nos que se almacena o aceite nas casas.
A distribución deste material promocional xa se iniciou a semana pasada con reparto nos centros educativos de Infantil e Primaria, nos centros socioculturais das parroquias, na Praza de Abastos, no Auditorio e no Concello. Os restantes poranse a disposición dos usuarios na carpa de reciclaxe.
A maiores da finalidade medio ambiental, a campaña tamén ten unha vertente integradora e de inclusión socio laboral, xa que para a atención da carpa informativa, contratouse á asociación BATA, polo que serán usuarios e monitores do colectivo de atención a persoas con autismo os que se encargados de atender o stand.