Un coche sen carné choca na AP-9 contra un autobús escolar que transportaba a 22 nenos
Por Oskar Viéitez
Un autobús escolar e un coche sen carné chocan na autopista AP-9, ao paso por Pontevedra.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112), os mozos que viaxaban no autocar atópanse ben, non así o condutor do vehículo sen carné, quen mesmo necesitou a axuda dos bombeiros para saír do vehículo.
A colisión produciuse ás 17:30 horas deste domingo no punto quilométrico 129, en Campañó, Pontevedra, tal e como indicaron as persoas que utilizaron o número 112 para solicitar asistencia. De feito, a posibilidade que apuntaban dun atrapado no coche sen carné levou a alertar aos Bombeiros de Pontevedra, que, finalmente, liberaron ao único ocupante do coche.
Unha vez fóra, un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 encargouse do seu traslado ao Hospital de Montecelo para someterse a un recoñecemento médico.
Da reorganización do tráfico e da recomposición das condicións de seguridade na vía ocupáronse os axentes da Garda Civil de Tráfico.
En canto á pasaxe do bus, máis de 20 nenos de entre 11 e 12 anos, procedentes do Colexio Andersen, foron recollidos por outro vehículo para continuar o camiño cara ao seu destino. Todos en perfecto estado de saúde.