O Concello da Illa reclama a Portos a limpeza "inmediata" do Paseo do Cantiño
Por Redacción
O goberno local da Illa de Arousa solicita de novo a Portos de Galicia a "inmediata limpeza e reposición dos desperfectos que se acumulan no Paseo do Cantiño, unha das zonas más concurridas do municipio por decenas de usuarios diariamente".
O alcalde, Carlos Iglesias, enviou un escrito á Xunta no que solicita que solvente "a nefasta imaxe que esta infraestrutura ofrece ademais dos riscos e perigos que entraña para os seus usuarios" e que "asuma as súas competencias e se encargue do mantemento do Cantiño".
Indicou Iglesias que levan anos reclamando un investimento nesta zona para solventar os problemas que presenta na súa maior parte causados pola erosión do mar que "poderían derivar nun afundimento en determinadas zonas desta infraestrutura". Engade, ademais, que esta situación "require unha concienzuda supervisión técnica que determine as medidas a adoptar para previr incidentes que poñan en risco a integridade das persoas que transitan por este entorno".
Outra das preocupacións do Concello son a limpeza, a acumulación de herbas e de maleza, que mostra unha "deixadez" e "despreocupación" por parte de Portos de Galicia. De feito, foi o propio goberno local o que instalou papeleiras na zona "que tamén nos vemos na obriga de vaciar", indica.
Finalmente, o alcalde da Illa recorda que as persoas usuarias do paseo "están cansas de reclamar unhas condicións mínimas de hixiene e unha mínima calidade de conservación do enlousado do paseo".