Un concurso de ideas buscará recuperar todo o esplendor da Casa de Parga de Meis
Por Redacción
O Concello de Meis quere que a Casa de Parga volva lucir con todo seu esplendor e, para facelo, quere abrir a opción de que a rehabilitación corra a cargo de novos talentos.
Na procura deste obxectivo, o Concello acaba de asinar co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) un convenio de colaboración para convocar un concurso de ideas para a rehabilitación da Casa de Parga, o seu muíño, o seu hórreo, o seu pombal e os seus xardíns.
A alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, asinou este venres este protocolo con Antonio Davila Alonso, vicedecano do Colexio de Arquitectos de Galicia; e Anselmo Villanueva Peón, presidente da delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en Pontevedra.
O prazo de presentación de propostas será de 45 días naturais desde o día seguinte ao da publicación do concurso no perfil do contratante, xunto coas bases e demais documentación complementaria.