A Raxofesta manterá a degustación polos locais de Barro na súa sétima edición
Por Redacción
O formato adoptado hai dous anos con motivo da pandemia funcionou e, por iso, a organización da Raxofesta decidiu manter as degustacións gastronómicas nos locais de hostalería de Barro de cara a súa sétima edición.
Así o anunciou este venres o Barro CF, que confirmou que o evento regresará ao municipio entre os días 8 e 11 de decembro.
"Cremos que é unha boa forma de incentivar o consumo na hostalería local e por iso decidimos manter unha fórmula que funciona", explica o presidente do Barro CF, José Sanmartín.
A sétima edición da Raxofesta contará coa participación de dez locais de hostalería que ofrecerán diferentes elaboracións do raxo con prezos dende seis euros.
Raxo en tosta, en cazola, marinado, trufado, en richada ou agridoce son algunhas das variedades propostas de Brasa y Carballo, Furancho Eira D'Arriba, Restaurante Sanmartín, Bar Plaza, Café Bar A Lareira, A Taberna de Rey, O Muiño de Valerio, Taberna O Labrego, Outro Aire e Muiñada de Barosa.
O club de fútbol recibe un euro por cada ración consumida para financiar a súa actividade.
Ademais, en cada local realizarase un sorteo de agasallos doados por Estrella Galicia, que este ano colabora na festa xunto co Concello de Barro e a Deputación de Pontevedra.