Lucila Cano toma posesión como edil en Marín nun emotivo pleno
Por Redacción
Marín deu a benvida este xoves a un novo membro da corporación municipal. Iso si, rodeados dunha gran emoción. A concelleira socialista Lucila Cano chega para cubrir a triste falta que deixou na vila Benito González Dopazo, falecido recentemente no incendio da Pontesa.
A alcaldesa, María Ramallo, quixo arroupar e dar unha "calorosa benvida" á nova concelleira, "a pesar do duro destas circunstancias". Afirmou que o que a todos lles une "é formar parte desta corporación e tratar de esforzarnos por aportar día a día ao noso municipio".
Ao remate da toma de posesión, o portavoz socialista, Manuel Pazos, interveu agradecer o comportamento que todos os concelleiros tiveron nestas últimas semanas, "nas que nos sentimos moi arroupados por parte de todos".
Reiterou que esta corporación "é un exemplo para moitas corporacións polo trato afectouso e persoal que hai entre todos".
Nesa mesma liña se pronunciou a portavoz do BNG, Lucía Santos, que reiterou que a política marinense se caracteriza "pola humanidade e o respecto" e tamén lle trasladou todo o cariño ao grupo socialista.
A alcaldesa pechou este punto do pleno facendo fincapé en que precisamente nestes momentos tan duros "é cando sae o mellor de nós" e recordando a Benito "coa alegría que a el lle caracterizaba".
Con todo, si recoñeceu que "a nivel emocional, esta lexislatura está a ser moi dura".