Un outubro con 66.912 pernoitas en Sanxenxo, máis que antes da pandemia
Por Redacción
Sanxenxo recuperou as cifras de ocupación turística previas á pandemia. Así o reflicte o Instituto Nacional de Estatística (INE) coas cifras relativas ao último mes de outubro, e que son uns 2,5% superiores ás rexistradas en 2019.
En concreto o municipio rexistrou en outubro 66.912 pernoitas en hoteis, cunha ocupación dun 65,25% durante as fins de semana e nun 56,15% durante a semana.
Ás boas cifras axudaron eventos como a Festa do Marisco do Grove e os deportivos como o Mundial de Loita celebrado en Pontevedra, o vixésimo ITF World Tennis Tour Juniors, a UEFA Regions Cup e o Ciclocrós Internacional Con da Romaíña.
Cabe destacar que as pernoitas hostaleiras en Sanxenxo son só unha parte do total das prazas de aloxamentos turísticos, xa que o municipio conta con 11.054 segundas residencias, 2.423 vivendas turísticas e 12 cámpings que alcanzan 82.000 prazas de aloxamentos que sumar ás hostaleiras.
Durante o mes de outubro, no que o INE estima unha contratación de 601 persoas en hoteis, a orixe dos visitantes foi maioritariamente do territorio nacional (19.107 persoas), fronte aos 3.107 estranxeiros.
Ademais o Concello de Sanxenxo conta cos seus propios datos a travñes das oficinas de turismo, que se mantiveron abertas tanto en Portonovo como no porto deportivo de Sanxenxo. Por ambos os puntos pasaron 364 persoas, 252, por Portonovo e 112, por Sanxenxo.