Os bombeiros de Pontevedra reforzan o seu parque móbil con tres novos vehículos
Por Alejandro Espiño
630.000 euros. ÿ a cantidade do "esforzo inversor" que segundo a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, realizará o goberno municipal en novo material para mellorar as prestacións do Parque de Bombeiros de Pontevedra. Trátase, entre outros, de tres novos vehículos, cos que se contribuirá a que o material co que conta o servizo poida estar sempre "en perfecto estado de funcionamento".
A principal adquisición é un vehículo autobomba. Custará 390.000 euros. ÿ o camión que sae a todas as intervencións. Pesa 16 toneladas e ten un motor de 300 cabalos. Está equipado específicamente para a extinción de incendios e conta cun tanque para 3.000 litros de auga e 500 litros de escuma. Ademais leva material de excarceración e salvamento. Vai sempre acompañado por outro vehículo máis específico, segundo a urxencia a atender.
O Parque de Bombeiros contará tamén, segundo o xefe do servizo, Manuel Torres, dun furgón para transporte de persoas e outro para transporte de material, de 70.000 e 110.000 euros respectivamente. O primeiro deles terá capacidade para seis persoas e contará cun amplo maleteiro para equipamento e o segundo é necesario para poder mover o material necesario para os diferentes rescates "en condicións adecuadas".
Estas tres incorporacións sumaranse a un parque móbil composto actualmente por doce vehículos en plena capacidade de funcionamento e "varias xoias" fóra de servizo. Nun principio non se ten pensado dar de baixa a ningún deles. Segundo Manuel Torres, o problema actual é que con estes novos vehículos "estamos ao límite da nosa capacidade de espazo", pero Pontevedra contará así cun parque móbil "adecuado" ao seu tamaño.
Ademais investiranse 60.000 euros para a adquisición de material diverso como bombas hidráulicas ou motobombas que poderá ser utilizado nas 370 actuacións, case unha por día, que como media realizan os bombeiros do parque pontevedrés. Un número inferior ao doutros exercicios xa que, coa entrada en funcionamento do novo mapa de urxencias, apenas saen fóra da cidade "salvo a sucesos nos que haxa perigo para a vida das persoas".
Con esta compra de material, o Concello de Pontevedra mantén, segundo Carme da Silva, o mesmo nivel de investimento de exercicios anteriores o que permite "reforzar un servizo público" como o de Bombeiros. En total, cada ano o servizo conta cun orzamento que rolda os 2 millóns de euros, dos cales preto de millón e medio corresponden aos gastos de persoal dos 38 bombeiros, unha administrativa e o xefe do parque.
Relacionadas:
-
O parque de bombeiros recibirá un investimento de dous millóns de euros en seis anos para mellorar instalacións e medios
Por Natalia Puga |
-
As actividades de prevención rebaixan o número de intervencións dos Bombeiros de Pontevedra
Por Redacción |
-
Louzán anuncia que o Consorcio Provincial de Bombeiros estuda abrirse a máis concellos
Por Redacción |