Setga, á fronte dun proxecto europeo que investigará o uso de bioplásticos no mobiliario urbano
Por Alejandro Espiño
Nove empresas e centros tecnolóxicos europeos impulsan un ambicioso proxecto para investigar o uso dos bioplásticos como material para deseñar os espazos públicos. Nel, haberá tecnoloxía pontevedresa. Setga será a encargada da área do mobiliario urbano.
Xunto a Setga, referente internacional en materia de iluminación, forman parte do coñecido como Programa Ambiance, a compañía italiana Mondo, especializada en céspede artificial para instalacións deportivas; e a sueca Pod Comp, que fabrica materiais de construción.
Entre os seis centros tecnolóxicos asociados hai presenza de investigadores de Grecia, Italia, Austria, Suíza, Grecia ou España, onde participan o centro de innovación AIMEN, situado no municipio pontevedrés do Porriño, e o ITA Innova de Zaragoza.
O responsable de fabricación, deseño e innovación de Setga, Jesús Saavedra, explicou que este proxecto, apoiado con fondos europeos, conta cun financiamento de 4,5 millóns de euros. Os seus responsables buscan fabricar no futuro compoñentes a partir de bioplásticos.
No caso da empresa pontevedresa "trataremos de desenvolver mobiliario urbano ou algún outro compoñente que poida encaixar na cidade", como bancos, papeleiras ou bolardos, con produtos "sostibles e reciclables" cos que reducir o impacto ambiental.
Estes bioplásticos, segundo Saavedra, son materiais de orixe vexetal que "aínda están en proceso de desenvolvemento" a través de procesos de innovación tecnolóxica nos que se testeará o seu comportamento ou durabilidade ante a corrosión ou episodios vandálicos.
Ademais do mobiliario urbano, a área sobre a que traballará Setga, o proxecto Ambiance propoñerá outros dous casos prácticos, o deseño dun novo céspede para instalacións deportivas ou paneis para a construción dunha marquesiña.
Os resultados deste proxecto exhibiranse no marco dun 'showroom' que se prevé celebrar en Pontevedra no primeiro semestre de 2024. Por iso é polo que os seus impulsores reuníronse este mércores na cidade para comezar a traballar nesta cita.
"Pontevedra é o lugar acaído para este tipo de proxectos", sostivo a edil Eva Vilaverde, por traballar desde hai máis de dúas décadas en medidas que buscan que o espazo público da cidade sexa "máis amable e máis sustentable".