Trece concellos deixan en mans da Deputación a inspección dos seus residuos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera asinaron este mércores os convenios de encomenda de xestión do Servizo de Inspección Provincial de Residuos con 11 entidades locais que representan a 13 concellos: Barro, Meis, Mondariz-Balneario, Silleda, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas, A Cañiza, As Neves e a mancomunidade do Morrazo (Bueu, Moaña e Cangas). "Sodes os trece magníficos", comentou a presidenta.
Segundo explicaron durante o acto de sinatura destes convenios, a Deputación quere dar unha resposta coordinada ante o novo marco lexislativo e pon en marcha este corpo provincial, conformado inicialmente por 11 inspectores de residuos.
A nova lei de residuos impón aos concellos unha serie de esixencias baixo ameaza de sanción e isto obriga a ter un servizo municipal de control ademais doutros requirimentos dos que ata o de agora os gobernos locais tampouco se tiñan que facer cargo.
Debido a que os labores de control sobre os residuos municipais só poden desenvolverse por parte de persoas funcionarias de carreira ou por axentes da Policía Local, son moitos os concellos que detectaron posibles problemas para afrontar as novas esixencias.
Segundo indicou César Mosquera "ante esta situación, tentamos suplir esta carencia. Axudamos aos concellos que non poidan asumir unha inspección propia e evitar así as posibles sancións".
Así, a Deputación de Pontevedra puxo ao dispor dos concellos unha fórmula de encomenda de xestión mediante convenio bilateral e baixo maioría absoluta do Pleno. A Deputación achegará máis do 50% do custo do servizo.
Carmela Silva destacou que con esta iniciativa a Administración provincial volve ser "pioneira" e engadiu que "é marabilloso ser exemplo do cumprimento, pero fan falta recursos e por iso nace este servizo formado por persoas expertas".
Ademais, precisou que "este corpo de inspección vai ter un labor de divulgación, de presenza no territorio, de concienciación de que hai que cumprir a lei. É un antes e despois".
A presidenta agradeceu a estes 13 concellos "valentes" que se sumasen "aos proxectos transformadores que lideran a implantación doutro modelo de provincia" e destacou que "as empresas e entidades convertiranse nun exemplo e é polo compromiso dos 13 concellos adheridos".
Relacionadas:
-
A Deputación realizará inspeccións "didácticas" da xestión de residuos
Por Oskar Viéitez |
-
A Mancomunidade do Morrazo instalará seis puntos limpos de proximidade na comarca
Por Redacción |
-
O Revitaliza solicita á Xunta que cree unha norma marco que facilite aos concellos cumprir obxectivos de reciclaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Doce concellos da provincia deixan en mans da Deputación a vixilancia, inspección e control dos seus residuos
Por Redacción |
-
A Deputación pon en marcha o corpo provincial de inspección de residuos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |