Aproban o expediente para mellorar a accesibilidade da biblioteca de Campelo
Por Redacción
O Concello de Poio investirá preto de 75.000 euros nun proxecto para levar a cabo melloras de accesibilidade na Biblioteca Municipal, situada en Campelo. Así o confirmou a concelleira de Cultura e Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, que salienta a importancia destas obras.
O expediente xa foi aprobado pola Xunta de Goberno Local e conta con todos os permisos pertinentes. “Actualmente a tramitación atópase na fase de presentación de ofertas para as empresas interesadas en acometer os traballos”, sinala a edil do goberno local. Unha vez remate este prazo, o vindeiro 9 de decembro, procederase a completar o proceso de licitación e realizar a pertinente adxudicación. O prazo de execución das tarefas é de catro meses.
“Confiamos en que a adxudicataria xa poida empezar a traballar de cara a comezos do vindeiro ano”, sinala Rodríguez Alonso.
Na memoria técnica consta que o proxecto inclúe a dotación dun elevador, que se emprazará na parte posterior do inmoble. Tamén se procederá a habilitar unha rampla de acceso desde a vía pública. Na documentación tamén constan outras cuestións a mellorar, como é o caso dos aseos, que pasarán a contar con todas as características necesarias para garantir o seu uso para persoas que padezan problemas de mobilidade.
A Biblioteca Municipal conta con máis de 16.000 unidades para préstamos, entre libros e material audiovisual, e “nos últimos anos vén experimentando un incremento de socios e socias”. Ademais, tal e como recorda a responsable das áreas de Cultura, Educación e Normalización Lingüística, as dependencias situadas en Campelo tamén son punto de encontro habitual para a celebración e organización de diferentes actividades, pensadas sobre todo para a rapazada e a mocidade. A sala de lectura atópase no primeiro andar, mentres que a planta baixa tamén é utilizada por colectivos como o alumnado da Escola de Música.
Lémbrase, asemade, que o horario de atención ao público na actualidade é de 16.30 a 19.30 horas de luns a venres. “Seguimos a traballar para consolidar á biblioteca como un punto de encontro e de convivencia para a veciñanza, que garanta a accesibilidade universal”, conclúe Raquel Rodríguez.
Relacionadas:
-
Poio acomete actuacións na Biblioteca de Campelo e nos contedores de todo o municipio
Por Redacción |
-
Literatura, cinema, teatro e contacontos na fin de semana máis cultural de Poio
Por Redacción |
-
Actividades gratuítas de teatro e proxeccións audiovisuais centrarán o outono cultural en Poio
Por Redacción |
-
A Biblioteca de Campelo reduce o seu horario a partir do 27 de xuño
Por Redacción |