Aplauso unánime en Poio á traballadoras do SAF, recoñecidas por IDADES

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
Se xa o traballo diario das auxiliares do servizo de axuda no fogar de Poio é fundamental para que os seus setenta usuarios reciban os coidados que necesitan, durante a pandemia este labor foi todo un escudo e protección ante o contaxio da covid-19.
Por ese motivo, a empresa Idades, que xestiona este servizo no municipio desde o ano 2007, quixo recoñecer, poñer en valor e agradecer o esforzo dunha trintena das súas traballadoras, principalmente as que atravesaron as dificultades dos primeiros meses.
Foi cun emotivo acto celebrado no Casal de Ferreirós ao que, entre outras autoridades, acudiron a edil de Benestar Social, Rosa Fernández; a de Igualdade, Silvia Díaz; e o de Promoción Económica, Gregorio Agís.
A homenaxe, presentado por Elvira Somoza e Carlos Folgar, os coordinadores do SAF de Poio, serviu para destacar o traballo dunhas mulleres "que sodes un exemplo de valentía", subliña a empresa, ao enfrontarse a situacións "moi complicadas".
"Non tiñamos un camiño marcado nin uns precedentes para seguir, polo que tivemos que ir aprendendo día a día para seguir desempeñando o noso labor e coidar de quen máis nos necesitaban", sostén a empresa dirixida polo pontevedrés Víctor Durán.
Ademais de agradecer publicamente o traballo realizado durante estes dous últimos anos por parte de todo o persoal, Idades subliñou que o Concello de Poio foi tamén o primeiro en recoñecer todo este labor cun acto público celebrado hai uns meses.
Cada unha das auxiliares do SAF recibiu unha placa conmemorativa, que tamén se entregou á edil Rosa Fernández e a Rosa Freire, a coordinadora dos servizos sociais de Poio.
O acto estivo amenizado coa música do cantautor Miguel Martínez e finalizou cun pequeno aperitivo que degustaron todos os asistentes.
IDADES recoñece o traballo das auxiliares do SAF de Poio
A empresa Idades, que xestiona este servizo no municipio desde o ano 2007, quixo recoñecer, poñer en valor e agradecer o esforzo dunha trintena das súas traballadoras, principalmente as que atravesaron as dificultades dos primeiros meses
© Mónica Patxot