Un investimento de 2,5 millóns transforma a praza do Regueiro e a Avenida Castelao na Illa de Arousa
Por Redacción
Cun investimento de 2,5 millóns de euros a Deputación de Pontevedra e a Illa de Arousa están a impulsar a remodelación da praza do Regueiro e a mellora da mobilidade peonil na avenida Castelao, dúas obras que avanzan a bo ritmo e que está previsto que rematen no primeiro trimestre do 2023.
No seu percorrido polas actuacións, a presidenta Carmela Silva, xunto ao alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, e o deputado de Cooperación, Santos Héctor, fixeron fincapé na envergadura das remodelacións que comparten o obxectivo común de recuperar o espazo público para as persoas.
Fixo fincapé o rexedor no carácter “transformador” das obras destacando que “son actuacións que nos van meter no século XXI, que van mudar a vida social do pobo, centradas nas persoas, para as que se recupera o espazo público”. Ademais, agradeceu a axuda da Deputación “sen a cal sería imposible facer esta transformación".
A praza do Regueiro precisaba unha remodelación integral para que realmente fose un espazo de encontro e de cohesión. Grazas ás achegas do Plan ReacPon A Illa está a acometer a reurbanización integrada da praza, xerando espazos de uso plural, accesibles e amables, e fomentando as mobilidades alternativas, inclusivas e sostibles así como a autonomía infantil e o impulso da actividade económica de proximidade.
As obras abranguen a peonalización e eliminación de dúas vías de tránsito rodado, reconvertendo unha terceira en saída da veciñanza do Barrio da Salga, para uso exclusivo de residentes. Tamén se vai suprimir unha zona de aparcadoiro e as barreiras arquitectónicas e mellorarase a mobilidade peonil e ciclable, ademais de instalar novos sinais, pasos sobreelevados e redutores de velocidade ou medidas de eficiencia enerxética: luminarias led, captación de enerxía solar para autoabastecemento, equipamentos para reducir fugas de caudal, tratamentos eficientes das augas residuais e pavimentos ecolóxicos.
Ademais, incrementaranse os espazos públicos da praza e dotarase de zonas verdes, e a zona de ocio infantil trasladarase ao oeste, máis protexida dos ventos, e organizarase por tramos de idade. Crearase unha zona para persoas maiores e unha zona multideportiva, ademais dunha zona de vexetación para proporcionar sombra. Tamén contará cun espazo polivalente para uso cultural, festas populares ou teatro.
Por outro lado, a actuación na Avenida Castelao e EP-9803 responde a unha demanda histórica da Illa, mudando por completo esta céntrica rúa para impulsar a mobilidade peonil e garantir a accesibilidade universal. Os traballos teñen como principal obxectivo espallar a mobilidade universal nun espazo continuo de seguranza viaria de calidade no centro urbano, realizando un cambio de prioridade co fin de impulsar a mobilidade peonil por diante doutros modos de transporte.
A reforma garantirá itinerarios peonís continuos e libres de obstáculos e prevé unha plataforma única sobreelevada de prioridade peonil na zona onde o ancho non permite realizar itinerarios peonís segregados dos vehículos.
Amais, deseñarase unha vía de única dirección cara a Avenida da Ponte, cun carril central de formigón coloreado en cor grafito de ancho 2,7 metros para uso do tráfico rodado e haberá sistemas de calmado de tráfico para incrementar a seguranza viaria (con velocidade máxima de 20 km/h).
O proxecto inclúe tamén un aparcadoiro de 18 prazas en batería e xardineiras, árbores e mobiliario urbano moderno. Por último, contempla a variación das redes de fecais e pluviais existentes, melloras en servizos urbanos como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e a execución dunha nova rede de abastecemento e unha nova rede de alumeado público LED de alto rendemento.